O galego Carlos Folgoso Sueiro gaña o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea na súa décimo segunda edición.

O certame, organizado pola Asociación Outono Fotográfico co apoio da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, premia este ano o proxecto “Máis alá do lago”, despois de seleccionar como finalistas os traballos de Anja Engelke, Matthew Arnold, Markel Redondo e Alnis Stakle.

O traballo do verinense Carlos Folgoso Sueiro encaixa á perfección co obxectivo do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, segundo sinala a organización. “Máis alá do lago” é unha viaxe metafórica a través das idiosincrasias de Galiza, unha narrativa construída cunha atmosfera cinematográfica que nos transporta a un tempo indeterminado, onde se mesturan as realidades sociais e políticas coas lendas galegas e coa súa fronteira con Portugal. A tristeza e o traballo como sinais de identidade, a emigración profundamente enraizada, o que protexemos e o que desprezamos, a tradición e os incendios forestais, as crenzas sincréticas e as mitoloxías, e unha dualidade entre forza e opresión que sempre caracterizou o noso pobo, son os eixos principais deste proxecto.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais de poñer en valor o traballo gañador, itinerando a exposición durante dous anos e distribuíndo a publicación en librarías especializadas.

O xurado, que visionou 211 proxectos chegados desde 41 países de todos os continentes, estivo composto por Jokin Aspuru, director de Getxophoto; Elina Heikka, historiadora da arte e directora do Museo Nacional de Fotografía de Finlandia, así como directora artística do festival Encontros da Imagem (Braga, Portugal); Elisa Noronha, curadora da Bienal de Cerveira e profesora na Universidade do Porto; e os coordenadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo, e o curador e profesor Vítor Nieves. Pola parte das institucións patrocinadoras, formaron parte do xurado Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo), e Eva Torres, directora técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense (en representación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia).

A exposición resultante do proxecto de Carlos Folgoso Sueiro inaugurarase en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) e logo comezará a súa itinerancia polas cidades galegas, así como por outras localidades de Portugal e do resto do Estado español.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *