O festival Outono Fotográfico desembarca no Salnés

A 31 edición do festival galego de fotografía trae ao Salnés tres exposicións e segue coa expansión chegando ás oito cidades de Galicia, ocupando o norte de Portugal e O Bierzo.

Unha das imaxes de Antón Varela da mostra "Terra de Xeo"

O festival aposta neste outono pola consolidación da Sección Oficial, nacida o pasado ano para equiparalo a outros festivais de todo o mundo, na procura da modernización e a profesionalización. Así este ano, a Sección Oficial conta con 37 exposicións espalladas polas catro provincias, en Portugal, e, como ven sendo habitual en Barcelona, onde tamén gaña espazos expositivos.

O festival non para de crecer, e así, na 31 edición gaña espazos expositivos que suman xa 99, e establécese nas oito cidades galegas. O crecemento xeográfico fóra de Galicia, faise patente non só no veciño Portugal, senón tamén levando exposicións ao Bierzo.

No Salnés, a oferta vai desde a xa clausurada exposición de Rosi Pardal na Galería Besada de O Grove, até a inaugurada a pasada semana no Pazo de Torrado de Cambados onde se mostran os traballos de 31 autores e autoras que traballan co seu móvil para acadar as imaxes que expoñen. Un dos espazos que acolle ao festival é a Sala Rivas Briones de Vilagarcía, que mostrará a obra de Antón Varela, que trae á capital arousá a súa obra “Terra de Xeo” logo de ter exposto en diversos e prestixiosos lugares.

Con “Terra de Xeo”, o artista quere transmitir “a sensación que experimentaron aqueles primeiros poboadores que chegaron a Islandia” di Antón Varela, que asegura que “non debía ser moi diferente da sensación que aínda sentimos hoxe cando visitamos por primeira vez aquela terra, pois é un lugar que estremece, moi afastado esteticamente das paisaxes que estamos acostumados a contemplar”. En palabras de Vítor Nieves, o coordinador do Outono Fotográfico, “Terra de xeo busca esa diferenza, esa característica esencial da natureza islandesa e como o home se adaptou a aquel lugar, tan diferente da nosa contorna, que por momentos non alcanzamos a comprender”.

A programación do festival é pública desde hai unhas semanas na súa web, e suma 126 exposicións nas que participan 506 autoras e autores, 38 accións formativas como cursos e workshops, o que fai que o festival galego da fotografía estea presente en 41 localidades de tres países.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *