O festival Outono Fotográfico cumpre 35 edicións reflexionando sobre a «Descrenza»
O festival galego de fotografía arranca cunha programación de 85 exposicións nas que participan 280 artistas que abordan o tema da Descrenza nos seus ensaios
Como cada novembro, o Outono Fotográfico reaparece para facer visible a fotografía. Nesta trixésimo quinta edición que se prolonga até o Nadal, o festival estará presente en 66 espazos expositivos de toda a xeografía galega, repartidos en 22 localidades, 4 delas en Portugal.
O fío condutor das exposicións será a temática elixida para esta edición. Así tanto os e as artistas como os e as curadoras deambulan pola característica esencial da evolución, da ética e do coñecemento: a descrenza. En palabras do seu director, Xosé Lois Vázquez, «o terreo no que operaron é infindo: alterar o método, aventurarse na refutación do evidente para descrer a evidencia; dilucidar e raer os camiños da reflexión que nos reconecten co medio natural e o ser humano, que conduzan neste a respectar a complexidade magnífica da súa diversidade identitaria e rescatar o seu carácter radical de ser vivo e descrer así os modelos decretados, descrer para avanzar»
Neste séptimo ano de festival após o pasamento de Benito Losada, o novo proxecto parece consolidado. Así a Sección Oficial segue a procurar a excelencia polo camiño da arte con autoras e autores nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. Forman parte dela 28 exposicións moi diversas unidas polo leitmotiv «Descrenza» entre as que están a de Dafna Tal, Tamara Wassaf, Pawel Starzec, Laia Abril, Ángel Pantoja, Jonh Paul Evans, Maria Sturm, Antonio Guerra, Javier Víver, Ulla Deventer, Anja Bohnhof, Laura Ben Hayoun ou Igor Calvo. Tamén poderemos apreciar os traballos dos galegos Xaquín Rosales, Iria Vázquez e Juan Adrio. Asemade, coma sempre, haberá un espazo preferencial para emerxentes como Virginia Rota, David Catá, Bruno Silva ou Verónica Losantos.
Convivirán no programa os Premios Galicia de Fotografía Contemporánea dos últimos tres anos: Eva Díez, Jon Gorospe y Alfonso Almendros.
Este ano cabe destacar de novo a grande calidade da sección Outono Aberto, que é aquela que se programa logo da selección de traballos inscritos na Open Call (convocatoria aberta) que o festival lanza a mediados de ano. Artistas como José Alves, Mariana Guardani, Silvia Castillo, Igancio Gómez Sales, Teresa Charlín, Natalia Regueiro ou Ismael Guyé entre outros, foron seleccionados pola grande calidade técnica e conceptual dos seus traballos.
DATOS DA 35ª EDICICIÓN DO FESTIVAL OUTONO FOTOGRÁFICO
O OUTONO FOTOGRÁFICO, é o festival galego de fotografía, decano da península Ibérica e o segundo máis antigo do mundo. Este ano chega á súa 35ª edición, que leva por lema DESCRENZA
Estrutura do festival:
Sección Oficial: o festival convida a autoras/es e curadoras/es para programar aquelas exposicións tratadas desde un punto de vista profesional do mundo da arte e da fotografía. Algunhas delas son exposicións que circulan por todo o mundo entre os festivais e bienais máis importantes, e outras son producións propias que entrarán nese circuito internacional.
Inter-seccións: Aquelas accións fotográficas de difícil inserción nas categorías conónicas da fotografía.
Historias da fotografía galega: sección na que se poñen en valor arquivos de fotógrafas/os de Galiza xa falecidos, recuperándoos e facéndoos visíbeis.
Outono Aberto: É a sección máis democrática na que, a través dunha convocatoria aberta na web, selecciónanse proxectos expositivos e coordínase a súa exposición.
Formación: o festival tamén organiza obradoiros e xornadas formativas, ademais de darlle difusión á formación que organizan a rede de colaboradores do OF.
Datos desta edición:
85 exposicións (das que 28 son da Sección Oficial)
280 autoras e autores (entre individuais e colectivas)
66 espazos expositivos
Presenza en 22 cidades e vilas: 18 localidades de Galiza e 4 de Portugal
85 entidades colaboradoras
e accións formativas (cursos, obradoiros, palestras…)
Convocouse e fallouse o V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
Máis información: www.outonofotografico.com | prensa@outonofotografico.com
Paréceme un punto de encontro moi enriquecedor desde o punto de vista artístico da imaxen fotográfica e dos autores. Penso que é unha gran oportunidade para o coñecemento global de autores asentados no panorama actual da fotografía contemporánea, así como unha plataforma que da a oportunidade de coñecer novos autores.