Nós, de Tono Arias, seleccionado entre os mellores libros do ano

A publicación móstrase en Alcalá de Henares xunto co resto de volumes seleccionados, nunha mostra organizada por La Fábrica, sendo a única publicación en galego da exposición.

“Los mejores libros de fotografía del año” é o nome da mostra que se inaugurou o mércores no Antigo Hospital de Santa María la Rica de Alcalá de Henares e que aglutina unha selección de 90 libros de fotografía editados en 2012 en todo o mundo como os de Paul Strand, Pierre Gonnord, Martin Parr, Berenice Abbott ou Alberto García Alix.

Nós púxose á venda o pasado ano, coincidindo coa inauguración da exposición fotográfica, do mesmo nome, que a día de hoxe segue a súa itineracia. O libro é o primeiro traballo persoal individual editado de Tono Arias. Un traballo documental, de carácter persoal onde o autor vai retratando, nunha teima de coleccionista, como o paso do tempo interveu a casa familiar abandonada que o viu nacer. O traballo fotográfico, feito en branco e negro, vai escachouzando todos aqueles recunchos que, aínda que ocultos, non foron quen de librarse da pegada dos anos. Algunhas imaxes evocan ao tempus fugit máis barroco, nunha linguaxe en clave de país, moi cercana e extrapolábel á historia particular de cada quen. Asemade, moitas das instantáneas relatan un reencontro das persoas que habitaron na casa, ou descendentes destas. O autor recorreu á autoedición para que vira a luz, nun momento tan adverso para a cultura.

A colección de imaxes deste traballo estivo exposta o pasado novembro en Santiago no marco do Festival Outono Fotográfico e en Dispara (A Estrada), a única sala especializada en fotografía de todo o País e que rexenta o propio Tono Arias.

A mostra de libros poderá visitarse en Alcalá até o 23 de xuño, e ofrece un panorama xeral sobre as últimas tendencias no campo da edición de libros de fotografía centrando a atención en diferentes aspectos do resultado final, tales como a secuencia de imaxes, deseño gráfico, formato e material elixido. Unha suma de variábeis que no seu conxunto converten ao libro nunha obra máis do artista, dando a coñecer desde fotógrafos históricos a propostas artísticas contemporáneas.

A convocatoria para presentar os libros de fotografía e optar ao concurso é lanzada cada ano por La Fábrica, empresa que ademais de organizar PhotoEspaña, fai boa gala do seu nome, sendo unha das maiores factorías de libros de fotografía da península.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *