Minorca
Caderno de viaxe
2005
O concepto de territorio e a fotografía estiveron unidos con lazos que deron en estreitarse nos últimos anos. A fotografía, unha vez que se desfai da tradición pictórica e do bonitismo expiatorio dos primeiros exploradores, ávidos de paisaxes exóticas para un occidente con sede do descoñecido, chégalle a quenda á outra paisaxe: a paisaxe crúa, a intervida, a que nos fala da relación humana co planeta, a que politiza a imaxe do próximo, a que reflexiona sobre como o entorno intervén na identidade e como a identidade transforma a paisaxe para convertela en territorio.
Minorca é unha pesquisa sobre o Territorio, entendido este non coma paisaxe, senón como concepto de vinculación ao individuo. A «paisaxe construída» de Miguel Aguiló, imaxes de hábitats ou terreos que son asaeteados constantemente por identidades e que se relacionan co humano, que muda respondendo a construtos e apriorismos que se artellan lonxe dos factores naturais que interfiren no medio, e por tanto, na paisaxe.
Calquera que chega a Menorca, rápidamente percibe como a paisaxe é omnipresente para alén do que se ve: é un modo de estar e está presente en todo. A illa (de 19×48 km), no medio do Mediterráneo, foi nomeada Reserva da Biosfera no ano 1993. Isto trouxo consigo grandes mudanzas na forma de vida dos seus habitantes, o que implicou, entre outras moitas cousas, un respecto polo medio que levou a unha pulcra xestión dos residuos ou unha expansión urbanística moi controlada e co menor impacto posible, polo que o turismo aquí é diferente ao resto do arquipélago balear. A esta particularidade ainda hai que sumar a idiosincrasia dos moradores, de cultura mediterránea secular e co poso e mistura cultural de todos os pobos que a colonizaron.
Minorca indaga na influencia que a imaxe da paisaxe tivo na construción do imaxinario colectivo e o peso que esa influencia exerce na relación dos moradores co medio, na medida en que a identidade menorquina é en parte xerada non só en base á experiencia relacional co entorno, senón coa mitificación da imaxe que se supón que unha Reserva da Biosfera debe ter e lanzar ao mundo.
A exposición deste proxecto itinerou ao longo de 2005 e 2006 por Galiza (O Barco, Monforte, Ourense, Vigo, Lugo e Tui), Castela (Ponferrada, Columbrianos e León), Madrid, Barcelona e Menorca (Maó, Ciutadella e Alaior).