Lugo acolle a exposición da VIII edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos expón «Prova», o ensaio fotográfico de Patrícia Barbosa, gañadora deste prestixioso galardón.
O certame lanzado pola Asociación Outono Fotográfico co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo premiou nesta edición «Prova», un traballo no que se mestura fotografía, textos e documentos para indagar sobre os procesos de descolonización e da Guerra Colonial portuguesa.
A exposición ábrese o martes día 29 de decembro ás 18.00 horas no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, logo dun acto ao que asistirá a propia autora, Patrícia Barbosa, que explicará o proceso criativo e a conceptualización do seu traballo. Xunto a ela estarán tamén Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico, Vítor Nieves, curador da exposición e coordinador do Premio; así como o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e a Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro Tallón.
«Prova» é un proxecto que vai para alén do fotográfico. Logo de varios anos de investigación, a autora, apresenta na sala, xunto coas súas fotografías documentais, documentos históricos, escenificacións, fotografías antigas e varios obxectos. Unha grande colección coa que deconstrúe o aprendido sobre a historia recente. A artista parte do descubrimento dun álbum de fotografías do seu pai da época na que foi militar en África, enviado polo Novo Estado portugués para a defensa do que na altura chamaban “Províncias de Ultramar”. Logo dun proceso de desaprendizaxe e de relectura, consegue, a través de numerosa obxectoloxía como cartas ou postais, reescribir a historia dunha época na que a supremacía europea anulaba as numerosas identidades africanas. Nese proceso, a autora fálanos dos xogos de poder, exercido sempre na mesma dirección: desde o home branco cara todos os demais seres cos que cohabita, sexa nas colonias ou na metrópole.
O xurado, que visualizou decenas de proxectos chegados desde máis de 30 países, estivo este ano composto por Carme Nogueiro, artista multidisciplinar; Gloria Oyarzabal, fotógrafa e profesora de edición; Pablo Berástegui, xestor cultural e galerista; Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, curador independente e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo); e Eva Torres, directora dos Espazos Museísticos Municipais de Ourense (representando á Xunta de Galicia) e exerceu como secretario Pablo G. Prieto.
A exposición «Prova» de Patrícia Barbosa estará en Lugo até o 31 de xaneiro de 2021, momento no cal comezará a súa itinerancia polas 7 cidades galegas polas Sedes de Afundación, alén de localidades portuguesas e do resto do Estado.