«Kosmos» de Marta Bisbal exponse na nova sala do Outono Fotográfico
O Espazo de Arte de Roberto Verino no centro de Ourense súmase ao plantel do festival de fotografía para acoller a exposición da catalá.
O Outono Fotográfico suma este ano unha nova sala de exposicións en Ourense. O Espazo de Arte Roberto Verino, situado na transitada rúa do Paseo é o lugar escollido polo festival para expor unha «sublime proposta que se enmarca de cheo na temática do festival deste ano, o Dentro-Fóra» di Vítor Nieves, curador da Sección Oficial, que asegura que «é unha mostra que xoga co que se cadra é a postura máis deontolóxica da fotografía: a luz e a interacción desta no espazo».
Na sala poderán verse diferentes pezas en variados formatos. Algunhas delas serán imaxes seriadas que documentan o percurso da luz. Acompañan a estas fotografías unha peza de vídeo na que dun xeito contemplativo se vai debullando a ocupación da luz nos espazos e a contemplatividade de Bisbal na construción do ensaio, que pon de manifesto un outro xeito de facer arte que contrasta coa rapidez consumista que impera no mundo da fotografía contemporánea.
«Kosmos» é a documentación do transcurso da luz, mais tamén do silencio e a inmobilidade. A artista, logo dunha minuciosa observación da súa contorna máis próxima, decatouse do que acontecía nas paredes: un espectáculo de luces e sombras «en danza co movemento cósmico, a luz escinifica o seu devir integrado diariamente con perfecta exactitude, estamos por tanto a falar da elocuente manifestación do Kosmos grego» di Marta Bisbal que explica como hai unha orde esencial que o permea todo.
Malia ser o primeiro ensaio da autora, xa ten percorrido varios espazos expositivos como a Kursala de Cádiz, o Museu Abelló, o Pati Llimona de Barcelona ou The Showroom de Madrid. Alén diso, «Kosmos» foi seleccionado en diversos festivais do mundo, como os Encontros da Imagem de Portugal, o International Photo Awards de Moscú, o Athens Photo Festival, o Concurso Ibero Americano Nexofoto, Art Photo BCN ou Descubrimientos de PhotoEspaña.
A exposición inauguraráse o mércores 2 de novembro ás 7 da tarde, e poderá visitarse en horario comercial até o 29 de novembro.