Jon Gorospe é nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2016
O certame lanzado polo festival Outono Fotográfico e co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo premia nesta edición ao ensaio fotográfico “Environments”.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores e autoras tanto nacionais como estranxeiros.
Neste sentido, o traballo de Jon Gorospe entronca á perfección co obxectivo do Premio, e ven a aportar unha revisión moi fresca sobre o relacionamento da nosa sociedade cos residuos que producimos no planeta. “Environments” é un ensaio cunha linguaxe arrasadoramente contemporánea no que o autor con diversas pezas de orixe fotográfica e audiovisual quere convidar a repensar a nosa posición no mundo, e a relación androcentrista que temos co que nos arrodea.
O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 3 anos e distribuíndo a publicación.
O xurado, que visualizou proxectos chegados desde varios países, seleccionou como finalistas, ademáis de o de Gorospe, os traballos de Javier Arcenillas e de Sabela Eiriz. Ete comité de avaliadores estivo este ano composto por Santiago Olmo, Director do Centro Galego de Arte Contemporánea; Ana Matos, Directora da Galería das Salgadeiras (Lisboa) e curadora; Silas de Paula, Profesor de Fotografía na Universidade Federal do Ceará en Fortaleza (Brasil) e fotógrafo, Xosé Lois Vázquez, Director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, Curador do OF, coordinador do Premio e fotógrafo; María Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Ourense (en representación da Xunta de Galicia); Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (en representación da Deputación de Lugo) e actuando como secretaria Manú Gallego (en representación da Asociación Proxecto Benito Losada).
A exposición “Environments” de Jon Gorospe inauguraráse en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede de Deputación de Lugo), no marco do festival Outono Fotográfico para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de Portugal e do Estado Español.