Galiza súmase á moda do Instagram, a única rede onde o portugués é o segundo idioma

Instagram é a rede social preferida en Galiza, e no resto do mundo, para a publicación de fotos. A app xurdiu para os smartphones, aínda que actualmente é posible operar con ela a través doutros dispositivos como tablets ou computadoras.

O pasado decembro o World Wide Web convulsionou pola noticia do cambio das políticas de uso de Instagram, que avisou aos usuarios e usuarias de que as fotos quedaban ao seu dispor até para facer negocio. As redes sociais ferveron e os detractores multiplicáronse por segundos. De seguido, as cifras que lanzaba AppStats indicaban que os instagramers se reduciran en máis dun 50%, supostamente, pasando dos 16,35 millóns de users activos ao día 17 de decembro de 2012, aos 7,41millóns do 14 de xaneiro de 2013.

Estes datos, pese a non ser verificada a metodoloxía da súa orixe (só hai datos oficiais cando os dá a propia compañía), foron replicados por centos de medios como El País, aludindo ao escándalo que supón a venda das imaxes privadas dos igers (usuarios de Instagram). E finalmente recuaron, devolvendo os dereitos das imaxes aos seus autores e autoras.

A compañía fora adquirida por Facebook por 765 millóns de euros en abril do 2012, unha semana despois de lanzar a versión para a PlayStore de Android. Como era esperado, a empresa de Zuckerberg cambiou termos de uso e normas no funcionamento do xoguete fotográfico. Unha das consecuencias foi o alonxamento de Twitter, unha batalla que comezou Facebook desde que existe a plataforma de microblogging. Deste xeito, a compañía do paxariño pasou de ser o servizo principal no que se difundían as imaxes a non poder mostralas. Twitter respondeu lanzando os seus propios filtros para modificar imaxes, pero que non acadaron o éxito da aplicación presentada por IFTTT, que permite de xeito sinxelo volver a “chiar” fotos desde Instagram engadindo unha simple tag ou etiqueta.

As cousas cambiaron hoxe, porque Facebook acaba de comunicar que existen 120 millóns de persoas usando o servizo de xeito activo, unha cifra que según AllThingsD supón un crecemento do 10% mensual.

Pese á opacidade de cifras e de comunicación da empresa, proliferan centos de aplicacións web das que podemos tirar datos de uso. Así vemos como Estados Unidos, Brasil, Francia e Reino Unido encabezan a lista en canto a usuarios se refire.

Destas aplicacións tiramos datos curiosos. Segundo InstaMap diariamente publícanse máis fotos desde Galiza que desde Australia. Se o medimos en porcentaxe de usuarios con respecto á poboación total, Galiza tamén gaña a países coma a Arxentina, cun 10% fronte a un 6% ou ao Chile, cun 4,5% de usuarios de Instagram con respecto á poboación total do país. Segundo esta app, se sumamos as imaxes etiquetadas con #igersGaliza e #igersGalicia, case triplican as que levan a tag #igersIndia. Asemade as fotos publicadas en Intagram coa etiqueta #España ascenden hoxe a 126.468 fotos e as que levan o nome do noso País suman 121.084 imaxes.  Pola súa banda, Metrics Monk asegura que o portugués é o segundo idioma máis empregado nos pequenos textos de Instagram, a grande distancia do primeiro que é o inglés. Desta mesma plataforma podemos tirar que, unha vez máis, o eixo atlántico supera abrumadoramente en número de usuarios e de fotos á Galiza interior.

Kevin Systrom, cofundador de Instagram, indicou que a compañía “continúa vendo un crecemento grande a redor do mundo”, algo que tamén se pon de manifesto cos 40 millóns de fotos subidas cada día, 8.500 “likes” e 1.000 comentarios por segundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *