Fotografía de internet á galería de arte
O festival Outono Fotográfico presenta en Photo Art (Ourense) un proxecto de Ana Luísa Pinto nacido para a rede onde acadou picos de audiencia que puxeron o foco para converterse en exposición.
Ana Luísa Pinto (Porto, 1986) é unha das autoras máis novas da 32ª edición do Outono Fotográfico, que a convida a participar na súa Sección Oficial logo do éxito viral do seu traballo na rede, e converte este traballo experimental en exposición. Estudou arte na Universidade Católica Portuguesa e pasou por varias formacións de pintura que influenciaron de vez a súa obra fotográfica. Ao igual que a súa postgraduación en Historia da Arte na Universidade do Porto.
The Alphabet Tales é unha serie de autorretratos. Logo de adquirir o dicionario Chambers nun mercado do Porto, a autora vai abrindo unha páxina ao azar cada semana para escoller do mesmo xeito unha palabra que será a premisa para crear unha imaxe.
Nesta exposición o autorretrato, sempre presente na obra da fotógrafa, está non só no aspecto formal, senón na representación da persoa mediante algún elemento visual que se torna personaxe. As mans e a boca, por exemplo, personifícanse criando historias sen a necesidade da representación típica.
A estetización que emprega Pinto oscila entre a escuridade e a maxia. O uso de texturas e molduras aporta unha homoxeneidade a pesar de que os conceptos son diametralmente opostos. De novo nesta serie, coma nas anteriores, volta a mostrarnos a personaxe central entre caveiras, bolboretas e sangue, iconas que nos levan á morte, mais tamén á renovación das vanitas barrocas.