Curadoría: Carolina Martínez Rodríguez e Vítor Nieves
Autores: Tono Arias | Jose Romay | Carlos Puga | Carolina Martínez | Luís Barreiro | Jorge Meis | Nachok | Xaquín Rosales | Santi R. Gavín | Esther Míguez | Manuel Martinez | Eduardo Pérez Gil | Víctor Rivera
Sala Exponav | Ferrol.
do 2 de novembro ao 21 de decembro de 2012.
SóS
Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós Roubáronnos o Sol O paquebote esmaltado que cosía con liñas de fume áxiles cadros sin marco Roubáronnos o vento Aquel veleiro que se evadeu pola corda floxa d’ o horizonte Este oucéano destracou d’ as costas e os ventos d’ a Roseta ouretáronse ao esquenzo As nosas soedades veñen de tan lonxe como as horas d’ o reloxe Pero tamén sabemos a maniobra d’ os navíos que fondean a sotavento d’ unha singradura N’ o cuadrante estantío d’ as estrelas ficou parada esta hora: O cadavre d’o Mar fixo d’ o barco un cadaleito Fume de pipa Saudade Noite Silenzo Frío E ficamos nós sós sin o Mar e sin o barco nós. Manuel Antonio
Esta mostra foi realizada ex profeso para o 30 aniversario do Festival Outono Fotográfico (2012) para expoñer na sala ExpoNav de Ferrol, nace a raíz da necesidade de atlantizar un festival profundamente de interior. A mellor forma era traer o mar á presente publicación encapsulado nestas fotos que son a visión plural de 13 autores e autoras sobre o Azul. En concreto é unha outra visión do mar diferente, relacionada coa inspiración ou a contemplatividade, e tendo como norte o primeiro verso do poema Sós de Manuel Antonio, que é o título da exposición.
Fomos ficando sós persegue esa concepción do mar poética, ou plástica; ás veces melancólica e ás veces evocadora. Asemade, as distintas pezas que forman a mostra tamén queren levar a esa soidade da que fala o poema. Por iso, cando o/a espectador/a lea as imaxes e se vaia mergullando en cada unha, e en todas, a soidadade individual de cada imaxe acentuarase na totalidade de todas xuntas, onde a intención de confusión provocada pol@(s) autor(@s), só pode ser combatida polo espectador cando interiorice cada obra, e cada foto.
Fomos ficando sós é unha historia coral, unha mesma casa con moitas fiestras que se abren cara o mar.
Vítor Nieves
Unha vez flotando de pachena pola noite nor Mar Caribe aprendín a traducir o ruxido que facía a auga nos meus oídos. Penso que foi a primeira vez que sentín paz.
Outra noite mergullada entre burbullas nunha bañeira aprendín a non planificar nunca xamais nada, a esquecer para sempre o coello branco de Alicia e simplemente; vivir.
Moitos lusco – fuscos fuxín do barullo constante instalado na miña testa cara um recuncho detrás dunha ermida, onde só pode verse mar e ceo. Se te sentas na beiriña, pechas os ollos e deixas que o salseiro te reseque a pel, podes escoitar asubiar o silencio.
Choiva e mar | nai e pai.
Un verán recalei nas praias de Jūrmala despois de telas visto algúns poemas atrás. Nese mar marelo como os ouriños aprendín que non importa como, pero todo remata sempre.
Auga | ven e vai.
Lembranzas
Mar | Infinito
Saudade frenética dunha tarde de néboa, camiñabamos morriñentos insaciables dunha resaca estival, dun golpe de mar que nos arrebatara o sentido. Corremos como se non tiveramos nome, paralelos a beira da escuma, caracoleando a súa silueta, sentindo a punzante dor que sobe dende os pés a caluga cando o mar bate contra eles. Escachábamos coa risa cada vez que se te mollaban os pantalóns, ata que chegou o momento que xa todo foi néboa. E alí, Ficamos SóS, o mar, a risa e máis nos.
Hierática apatía que me afonda cara vos | en ti quedarei queda.
Carolina Martínez Rodríguez