Fomos ficando sós, unha das exposicións do Outono Fotográfico en Ferrol
A exposición inaugúrase o venres 2 de novembro ás 18.30 na Sala Exponav de Ferrol.
Fomos ficando sós foi realizada ex profeso para o 30 aniversario do Festival Outono Fotográfico (2012) para expoñer na sala ExpoNav de Ferrol, nace a raíz da necesidade de atlantizar un festival profundamente de interior. A mellor forma era traer o mar á presente publicación encapsulado nestas fotos que son a visión plural de 13 autores e autoras sobre o Azul. En concreto é unha outra visión do mar diferente, relacionada coa inspiración ou a contemplatividade, e tendo como norte o primeiro verso do poema Sós de Manuel Antonio, que é o título da exposición.
Fomos ficando sós persegue esa concepción do mar poética, ou plástica; ás veces melancólica e ás veces evocadora. Asemade, as distintas pezas que forman a mostra tamén queren levar a esa soidade da que fala o poema. Por iso, cando o/a espectador/a lea as imaxes e se vaia mergullando en cada unha, e en todas, a soidadade individual de cada imaxe acentuarase na totalidade de todas xuntas, onde a intención de confusión provocada pol@(s) autor(@s), só pode ser combatida polo espectador cando interiorice cada obra, e cada foto.
Fomos ficando sós é unha historia coral, unha mesma casa con moitas fiestras que se abren cara o mar.
Curadores: Carolina Martínez Rodríguez e Vítor Nieves
Autores: Tono Arias | Jose Romay | Carlos Puga | Carolina Martínez | Luís Barreiro | Jorge Meis | Nachok | Xaquín Rosales | Santi R. Gavín | Esther Míguez | Manuel Martinez | Eduardo Pérez Gil | Víctor Rivera