Felipe Romero Beltrán é nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2019
O certame lanzado pola Asociación Outono Fotográfico e co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo premia nesta edición ao ensaio fotográfico “Redución”.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autoras e autores tanto nacionais como estranxeiros.
Neste sentido, o traballo de Felipe Romero Beltrán entronca á perfección co obxectivo do Premio. “Redución” é un ensaio fotográfico que indaga os procedementos de redución e sometemento policial a indocumentados no territorio do Estado Español. O proxecto está composto por varias partes con diferentes linguaxes. Nunha delas, o autor sérvese da linguaxe documental para facer unha compilación de espazos transitados polos protagonistas de “Reducción”, os inmigrantes, que son representados noutro capítulo con escenificacións que beben directamente da fotografía de moda. Felipe tamén nos presenta documentación de manuais da policía española aos que tivo acceso e dos que se apropia para traer ao seu proxecto. Nestes documentos fálase das técnicas para reducir os corpos exercendo a forza, nun intento de salientar tamén a opresión do poder establecido.
O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 2 anos e distribuíndo a publicación.
O xurado, que visualizou proxectos chegados desde varios países, estivo este ano composto por Marisa Marimón, galerista; Carlos Fontes, Director Artístico do festival internacional de Fotografía e Artes Visuais Encontros da Imagem (Portugal); António Pedrosa, fotógrafo documental e director do Instituto de Produção Cultural e Imagem (Porto, Portugal); Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, curador independente e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo); e exerceu como secretaria Ofelia Cardo (en representación da Xunta da Galicia).
A exposición resultante deste ensaio de Felipe Romero Beltrán inauguraráse en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede de Deputación de Lugo) para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de Portugal e do resto do Estado Español.