Feísmo para principiantes
Este é un ensaio fotográfico que, ante todo, pretende facer denuncia, e amosarnos ese mundo invisíbel das cada vez menos minorías. É unha chamada de atención sobre todo o que pasa desapercibido nesta sociedade, o que excluímos e rexeitamos de base, por iso, as persoas e situacións que saen nestas fotos adoitan estar na realidade agachadas, xa sexa nas aforas das cidades, ou ben en guetos de exclusión social. Considerámolo pois unha forma de feísmo, pois, como sabemos non só existe o feísmo urbanístico, se non que hai outro tipo de feísmos, coma o social.
A idea consiste en poñer en coñecemento do espectador situacións ou persoas pertencentes ós grupos máis desfavorecidos, discriminados, ou excluídos socialmente –como dicía están latentes en tódolos núcleos de poboación á par que escondidos– a través dun soporte que está concibido e deseñado para ser visto: os soportes publicitarios. De súpeto as vallas publicitarias amósannos un mundo que se nos antolla lonxano e descoñecido pero que está presente en calquera recuncho da cidade, lanzándonos mensaxes incómodas, difíciles de mirar, fuxidizas, e que rexeitamos anhelando as belas imaxes publicitarias.
Estas imaxes tamén nos falan a cerca do feísmo urbanístico. Nalgunhas fotos os arredores das vallas son auténticas aberracións arquitectónicas, e mesmo a propia valla se converte neste traballo nun símbolo icónico do feísmo, xa que éstas adoitan estar nas aforas das cidades en aglomeracións tan grandes que é doado que creen unha contaminación paixasística ou visual, ou por dicilo doutra forma, crean un exceso de información que a miúdo é contraproducente. Esto sempre contando que as vallas estén recén postas, porque como todo, require un mantemento que a meirande parte das veces se demora, chegando até un estado de deterioro que pasa por varias etapas dende o deturpamento da cor do papel, o desprendemento do mesmo, ata a oxidación da parte metálica, e ás veces ata a case destrución desta.
A estética das imaxes é un tanto sucia (fotos con trepidación, pequenos desenfoques, película forzada) para enfatizar esa idea de feísmo. A parte que está en cor, está contrastada e saturada para redundala idea. As fotos que conteñen as vallas son en branco e negro porque así lembran á linguaxe da fotorreportaxe ou fotodocumental, esaxerando así o seu contido, e dándolle veracidade, credibilidade e, por tanto, o espectador comeza a experimentar, dependendo da foto, tristura, solidariedade, ou até condescendencia.
Serie feita para a exposición Ocultacións e Inexistencias, comisariada por Xosé Lois Vázquez. Exposta na Sala Nau Ivanow (Barcelona), no Museo Municipal de Ourense, no Auditorio de Galiza (Santiago de Compostela) e no Mosteiro de Tibães (Braga).