DONA INTERIOR

Alejandra Vacuii, Carolina Martínez, Eva Domínguez, Flor Fernández Santamarina, Iria Rodríguez Gómez, Maribel Castro, Marta Vega, Natàlia G. Devesa, Raquel Castro, Rosinha Rojo e Rosa Veiga

 
Libraría Eixo | Ourense
do 30 de outubro ao 15 de novembro de 2009
 
Centro Comercial Pontiñas | Lalín
do 17 ao 30 de novembro de 2009
 
Curador: Vítor Nieves

O noso punto de vista nunca o poderán ter eles, xa que miran dun xeito distinto.

Julia Margaret Cameron

Moito se ten falado nos últimos tempos da arte de xénero, ás veces etiquetando até obras que foxen dos sambenitos tan benqueridas polos historiadores que fan de críticos.

Cómpre pois dicir que Dona Interior non é desas exposicións concibidas para ser etiquetadas “de xénero”, malia a que tódalas artistas participantes na mostra teñan en común ser mulleres.

Baixo as dúas verbas que dan nome a esta mostra arengouse ás once participantes pedíndoselle que traballaran no máis amplo senso do termo, por un lado a muller do interior do noso País, e por outro o interior da muller. Tan amplo é o eido que se lle deu para traballar como variadas son as propostas que nos fan.

Así temos obras ó máis puro object trouvé, que na disciplina fotográfica acadou unha manchea de fieis entre os vangardistas ingleses pouco antes de pasar á historia; coma as de Rosiña Rojo que cunha estética sucia e recoñecíbel das case extintas polaroids, móstranos o que para ela son iconas da muller do rural e nos apresenta un feminismo de seu que fala dun matriarcado que sustenta o público dende o privado, dende o íntimo.

É o mesmo perfil que elixe Raquel Castro para amosarnos imaxes evocadoras que por si mesmas non falan, pero ao presentalas como díptico nos contan unha historia dun pasado evocador, e de novo a fotografía se relaciona coa memoria.

Pola súa banda, Eva Domínguez, fálanos dunha muller actual do interior do noso País, unha muller que o representa todo e que todo mestura, un todoterreo de hoxendía que é quen de adaptarse a todo, outra alegoría feminista que nos remonta outra volta a ese matriarcado omnipresente que contrasta fortemente cos collages de Carolina que en cada elemento que engadiu na súa obra fala dun tormento ateigado de relixión, dunha vida íntima e medorenta, ameazada pola iconografía que se repite ata a saciedade chegando a ser iconoclasta, mostrándonos a súa particular versión de “La Regenta” galega warholizada, alternando básicamente dúas ideas: ora et labora.

Iconas son, ou a lo menos, da nosa memoria colectiva, as que nos amosa Natália G. Devesa cando coloca ás retratadas “parafraseando” a Vieitez, como se dunha imaxe que nos chega alén mar se tratara, onde ironiza con facer visíbel a unha muller que aínda hoxe non o é, nun mundo perfecto e inexistente no plano do real; e que contrasta con esa outra imaxe extraída dun albume familiar da que se apropia para amosarnos, unha vez máis, o sometemento, visíbel na comparanza das miradas dos fotografados.

Tamén vemos como Marta Vega nos amosa a unha muller descontextualizada do seu redor, agresiva, que racha co establecido berrando por un espazo de seu; quizais nun amago de reivindicación da débeda histórica dende un punto de vista totalmente distinto pero non menos feminista que o que ten Flor Fdez. Santamarina, que dende a emigración nos agasalla con dúas dispares imaxes onde nos fala de resignación maldicindo o abismo diferenciador que dende o seu punto de vista allea a machos e femias, e de liberación até libertinaxe dunha muller de hoxe, en calquera lugar do planeta, até cando as condicións son adversas. Esa mesma resignación aparece na sutil poética fotográfica da Grila (Iria R. Gómez) que non dubida en decapitala muller, a bela durminte, allea e soñadora, ante un belcebú tan sorrinte como dominante trala máscara máis senlleira do entroido do sur, tradicionalmente portada por homes. Apreséntanos no outro autoretrato unha muller dominada que semella ter corda, para converterse na boneca de seu amo, pero cun sorprendente orgullo dese estado que fai notar enfrontándose á cámara á par que fai visíbel a presenza do fotógrafo na imaxe.

Na serie secuenciada de Maribel Castro apreciamos uns tinxes máis urbanos que nos falan do intimo, do privado. Un telefilme sen teleprompter ó xeito da videovixilancia (pero escenificada) da que tanto se fala nos días que vivimos. Da pinceladas ó ar sen aclarar nada, capturas de vidas anónimas nun lugar descoñecido, pero todo tan próximo e cotiá que até pasamos por alto o que parece ser un asasinato nunha primeira lectura. E escenificada tamén é a fotografía que traballa Alejandra Vacuii, que tamén elixe o self-portrait, para expor a súa particular visión da muller, con reminiscencias do barroco (menos das que ela quixer), nunha insaciábel búsqueda sen achádegos, desnortada nun mundo onde xá só queda a fantasía, o soño. Como soño semellan as fotos de Rosa Veiga recén sacadas do máis profundo do subconsciente nunha oda á abstración, ó baleiro, un universo desolador até decadente, pero con pequenos escapes á esperanza das portas que quizais a muller poida abrir.

Vítor Nieves. Curador