Dispara, pero non mata
Un novo espazo para a cultura convértese nun oasis en pleno casco urbano da Estrada para achegarnos novas propostas fotográficas.
A pesar de ter un nome relacionado coa morte, augura unha longa vida á fotografía en Galiza. Dispara é a nova proposta que ven de abrir na capital de Trasdeza. A súa pluralidade e a amplitude diáfana colocan a esta sala nos postos de saída dos espazos expositivos do noso País.
Tono Arias (Duci, 1965) xa ten percorrido grandes sendeiros na grande eira da fotografía, de seguro non pare aquí, pero suporá unha grande efeméride na súa biografía. Logo de percorrer diversos xornais e revistas ou axencias nos 80, adícase na seguinte década á fotografía comercial, onde a moda, a arquitectura ou a publicidade en xeral convertiránse na súa teima. A partires do ano 2000 adícase a impulsar proxectos editoriais e crea un banco de imaxes. De novo, ao cambiar de década, volta a cambiar de forma, máis non de fondo, para abrir Dispara, desde a que activará propostas fotográficas e editoriais facendo todo tipo de traballos de xestión cultural.
Dispara abriu as portas coa mostra NÓS, da súa autoría. Un auténtico autorretrato a través do que nos convida a pasear pola historia dos seus devanceiros. Espazos e obxectos humanízanse para se converteren en narradores dunha historia: a propia. Os clarescuros de seu, senlleiros, do fogar rural fanse con máis contraste nas imaxes de Tono para empastar o tempo, para solidificar o fume petrucio co que nos tapa a eterna modernidade: a quietude. As ansias de permanencia da estirpe inflúen lenemente nas imaxes que conforman NÓS onde o tempo acouga e o espazo corre, ao contrario que na realidade. Na realidade real, a multicor, fóra destas fotos en branco e negro. A proximidade do que nos conta fai que calquera diga o título da exposición en primeira persoa, pois a sinopse da serie é extrapolable a cada un de NÓS observadores de imaxes. E a tenrura e familiaridade de moitas das pezas que conforman a mostra, fan que as instantáneas de Tono, fiquen no maxín coma se foran retallos da memoria propia, pois ninguén é alleo á historia propia.
Dispara, sen dúbida vai ser un centro de referencia para fotógrafos, artistas e amantes do medio. A súa programación vai ser plural e continuada, pois ademáis de servir de sala de exposicións albergará outros actos culturais. Así mesmo, Dispara tamén é unha tenda (física ou virtual) onde se poden atopar libros de fotografía que é imposible atopar en librarías, obxectos relacionados coa fotografía e fotos de autor a un prezo moi atractivo.
Outra das particularidades que ofrece Dispara é o seu servizo de impresión fotográfica para profesionais ou a realización de workshops de fotografía.