As identidades de xénero invaden Alterarte da man de Deebo Barreiro

A sala mostra o traballo da viguesa en «Ocupar un corpo», unha experiencia expositiva en parcería co seu curador, Vítor Nieves.

Desde o pasado 22 de marzo e até o 21 de maio de 2021, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle unha nova exposición. Baixo o título Ocupar un corpo a artista Deebo Barreiro (Vigo, 1993) e o curador Vítor Nieves, convídannos a unha experiencia inmersiva para atomizar o binormativismo de xénero e deconstruír os clixés en torno ao sexo e ás identidades.

A exposición, que forma parte da cuarta edición do ciclo expositivo Estado Crítico. 12 Curadores e Curadoras e 12 Artistas, que dirixe Xosé Manuel Buxán Bran, parte das imaxes do proxecto «Ser un cuerpo» de Barreiro, para criar unha instalación que, xunto coas pequenas excursións ao espazo virtual propostas ao espectador/a, conforman unha especie de manifesto que leva a unha análise crítica da diferencia de xénero e de sexo, que rache co contrato social cisheterocentrado, cuxas performatividades normativas foron inscritas nos corpos como verdades biolóxicas.

Deebo Barreiro traballa nas marxes, alí onde sabe que pode dinamitar as febles bases nas que se asentan as conviccións que nos rixen, onde pode tantear o peso específico dos estereotipos e aprende a contraporse a eles. Alí, acode ao corpo para documentar como é moldeado polos clixés, exposto desde que nace, a un bombardeo ideolóxico constante e sibilino.

Captura coa súa cámara corpos que son en si mesmos a disidencia do sistema sexo-xénero, usando ás veces iluminacións e puntos de vista propios de deidades, mais sen perder o intimismo en cada un dos retratos, o que lle imprime un carácter iconoclasta, característico da súa obra que autodefine como punky.

A través das identidades, finxindo que son burbullas impenetrábeis, constrúe un glosario enciclopédico que reduce á insignificancia o binormativismo de xénero, ese réxime dictatorial que exclúe todo corpo diverso e, por tanto, diverxente. Sabendo que no xénero, como na Fotografía, conflúe e diverxe a verdade e a representación da verdade, a referencia e o referente, a natureza e o artificio.

Os percursos, o bombardeo de imaxes, a fragmentación destas, a escala, os cheiros, as dificultades, as arquitecturas propias de áreas sexualizadas e o factor sorpresa son as pedras basilares desta proposta, que pretende desprazar, nun desequilibrado exercicio empático, o centro cara a marxinalidade.

Deebo Barreiro estudou Belas Artes e o Máster de Investigación e Creación en Arte Contemporáneo na Facultade de Pontevedra. Formouse en fotografía na Escola Blank Paper de Madrid e no máster da Escola Lens de Artes Visuales. Actualmente está doutorando na Facultade de Belas Artes de Cuenca. Ten exposto, entre outras, na galería Fuck This Studio, na Casa das Artes de Vigo, no INJUVE de Madrid, nas galerías Visión Ultravioleta e Le Mur Photo Gallery de Madrid ou en Can Basté de Barcelona.

A exposición poderá visitarse na Sala Alterarte do Campus de Ourense, no horario habitual e cun aforo limitado ao 30%, até o 21 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *