David R. Toro multiplica as visitas do Museo Municipal
A primeira exposición en Europa do autor xera grande expectación e consegue centos de visitas nos primeiros días da mostra.
O Soapland particular que David R. Toro instalou no Museo Municipal de Ourense, consegue despuntar as visitas do centro. A mostra, comisariada por Vítor Nieves, está sendo un referente ao ser a primeira que se abriu da nova Sección Oficial do Festival Outono Fotográfico.
O autor fai unha homenaxe á beleza feminina que semella conformar un espazo aberto á contemplación, un convite ao voyeurismo, peza clave no kimbaku (arte do encordamento). Así, o espectador convértese en parte do triángulo mestre/a-persoa atada-voyeur, tan importante na tradición xaponesa.
Este traballo, está emprazado no medio e medio da fotografía escenificada. Fuxe da realidade para crear ambientes que rematan na propia foto, e que sen ela nunca existirían. Non é que Toro documente o shibari (xeito de atar nas artes sexuais xaponesas), senón que crea os nós só para seren captados coa súa cámara. Quizais de aí, a diferencia tamén en canto á plástica, que difire moito da imprimación noxenta (no mellor sentido) que teñen outros autores xaponeses, e que consegue unha estética fresca e limpa que non entorpece as formas dos elementos visuais da imaxe.