Convocado o XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
A Asociación Outono Fotográfico, co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, convoca a duodécima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, o certame galego de mais relevancia neste eido.
Este Premio «pretende promover novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía», asegurou esta mañá o presidente da Asociación OF, Xosé Lois Vázquez, durante a rolda de prensa de presentación da duodécima edición, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). Con todo, destacou o compromiso da Asociación OF-Outono Fotográfico que «escribiu a historia galega da fotografía desde o ano 83 co festival máis importante que ten dado o noso país celebrando 35 edicións, e que agora renova e impulsa o seu compromiso con outros proxectos, como o Premio, que cumpre hoxe doce anos».
As entidades que promoven o certame partillan o interese prioritario de que constitúa unha «plataforma para dar a coñecer o talento dos e das creadoras que están empregando as linguaxes fotográficas contemporáneas para a produción do seu traballo», afirmou o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen destacou o incremento de participación en cada unha das edicións. Ademáis asegurou que «o Premio adquire cada ano un maior peso específico entre os e as artistas, con participación de autoras e autores referentes no ámbito da fotografía a nivel internacional».
Sobre o proxecto premiado
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición que se inaugurará nos últimos días do ano 2024 en Lugo e que itinerará durante dous anos; e a edición dun libro a cargo de Difusora de Letras, Artes e Ideas dentro da colección OF.
Os e as participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado entre setembro de 2014 e setembro de 2024, e que non teña sido subvencionado ou recibise unha beca na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e da técnica, ambos son libres.
Trátase de incentivar traballos coa reflexión e percorrido suficientes como para non ser fruto da concursística. A este respecto Vítor Nieves, coordinador do premio e curador da exposición e Xosé Lois Vázquez, presidente da asociación Outono Fotográfico e editor do libro, resaltan o obxectivo do Premio: «Promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que prantexa, en xeral, a arte contemporánea con respecto ás formas de dominación e a imposición de límites ao pensamiento. Promover a creación dun espazo fotográfico en Galiza que complemente ao creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas por parte de autores/as tanto nacionais como extranxeiros».
O prazo de presentación
O prazo de apresentación dos proxectos será entre o 23 de xullo e o 15 de setembro de 2024 a través da plataforma Picter, unha novidade coa que a organización pretende dar mais un pulo á internacionalización do Premio. Desde hoxe, pódese consultar o regulamento en varia línguas en www.outonofotografico.com.
Entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará cinco, atendendo á linguaxe visual do ou da autora, á calidade fotográfica e á contemporaneidade, que serán os finalistas, que serán públicos o 30 de setembro. O nome do gañador ou gañadora será designado polo xurado 48 horas despois e publicado nas redes sociais e web da asociación.
Itinerancia e visibilidade
Nos últimos anos, as exposicións surxidas do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea itineraron por Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Segovia, Valladolid, Madrid, Barcelona, Braga, Porto, Lisboa, Fortaleza (Brasil), Atenas (Grecia), París (Francia) e Oslo (Noruega). Ademais, os libros de cada edición, teñen estado seleccionados en festivais de photobooks e poden adquirirse en librarías especializadas.