Cinco exposicións máis abordan a ‘Descrenza’ no Museo Municipal

As mostras, que se inauguran este martes, encherán o segundo andar e a Sala Fondos.

OFO Outono Fotográfico achéganos este martes unha exposición de video creación e mais unha mostra formada por catro exposicións seleccionadas da colección dos Encontros da Imagem, o festival máis importante de Portugal e co que mantén unha longa colaboración.

Dafna Tal é a encargada de ocupar a Sala Fondos co seu traballo en vídeo «Reactions», coa curadoría de Vítor Nieves, no que recolle as experimentacións das persoas ao ouviren sons relacionados con diferentes relixións. A fotógrafa israelí fixo este traballo en Xerusalén onde as tres grandes relixións monoteístas do mundo conviven a diario.

O segundo andar dividirá as súas paredes para catro exposicións que veñen da man dos Encontros da Imagem, o festival que se celebra en Braga desde hai 30 anos e que ten un funcionamento parecido ao do festival galego, o que deu nun bo entendemento e unha parcería que xa dura anos.

Como é habitual, o Outono Fotográfico achega a Ourense unha pequena representación das exposicións do festival do sur. Os traballos que se expoñen foron seleccionados atendendo á temática do Outono Fotográfico: a Descrenza.

Así, o traballo da romanesa María Sturm mostra pasaxes da vida de mozos e mozas nativas americanas da Lumbee Indin Tribe, na Carolina do Norte. «You don’t look naive to me» documenta temas como a identidade e os símbolos e paisaxes que a constrúen.

Pola súa banda, o bosníaco Pawel Starzec fotografa os lugares onde aoarentemente nos pasa nada, mais que foron lugares de moita carga simbólica na Guerra da Bosnia. Pawel fala da historia inventada polos gañadores da guerra, e trata de lembrar o acontecido en cada espazo que fotografa para descrer a Nova Historia.

Jonh Paul Evans é un británico que constrúe a súa historia marital con instantáneas. En «Till death do us part» as súas fotografías deconstrúen o imaxinario das fotos de voda e o álbum familiar a través de autorretratos co seu marido para desdrer o modelo normativo de parella.

Aínda podemos ver a serie «Ver de acción» na que Antonio Guerra explora os límites entre o natural e o cultural creando unha experiencia coa paisaxe e a interacción co espazo. Para iso o autor usa a fotografía como medio criador de unha ilusión verdadeira e a capacidade ilusoria da paisaxe como construción social, recurrindo á intervención e escenificación para reinterpretar a relación entre o home e a natureza.

As mostras poderán verse até o 3 de decembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *