Carla Andrade volta ao Outono Fotográfico mostrando a súa obra no Porto
Geometría de Ecos poderá verse a partires do 12 de decembro e até o 11 de xaneiro no IPF (Instituto Português de Fotografía), no centro da cidade invicta.
A exposición ten lugar nun dos centros de ensino de fotografía de máis relevancia de Portugal grazas á parcería establecida entre ambas institucións que comeza este ano e que promete unha longa traxectoria.
Só dous anos para constatar o evidente. No 2012 a serie “Paisaxe Suspendida” de Carla Andrade chegaba ao Outono Fotográfico a través da convocatoria aberta – ou Open Call, como din noutros festivais – acabada de encetar ese ano, coincidindo coa 30ª edición do festival.
Os traballos recibidos aquel ano, malia ser o primeiro eran moi numerosos, e só algúns acadaron o visto e prace para ser expostos baixo o amparo do Outono Aberto, esa sección onde desde o festival, de xeito democrático e participativo se lle facilita un espazo expositivo aos proxectos fotográficos que teñen certa calidade para ser mostrados. O traballo de Carla sentou precedente. Non tiñamos previsto que os traballos fotográficos inscritos a través da convocatoria aberta puidesen formar parte da Sección Oficial, mais a potencia conceptual de “Paisaxe Suspendida” fíxonos saltar as nosas propias normas e convidar á Carla a ser unha das artistas da Sección Oficial do Outono Fotográfico desa edición.
Unha autora aínda máis nova que hoxe falábanos coas súas imaxes, de xeito experimental, dunha estética pictórica que a cámara transformara en trazos de pincel. Buscaba unha coherencia, hoxe xa atopada, entre sentimento e aparencia da natureza, cun certo pouso filosófico focalizando emocións en lugares específicos: as montañas. Estes suxeitos sagrados ao longo da historia, van achegando humanidade e divindade nas imaxes da Carla Andrade.
Nestes dous anos que separan a muda daquela “Paisaxe Suspendida” á Sección Oficial e a decisión consciente de convidar á Carla por parte da curadoría do festival ten avanzado moito o seu proceso criativo e o seu discurso, e unha manchea de premios e becas por todo o mundo o teñen demostrado.
Carla Andrade, coma Peter Handke, cre nos oasis do baleiro. Semella que o parafrasea: “o ser humano é o hóspede da realidade”. Crendo naqueles lugares, os que non soan nin teñen nome, que se caracterizan tal vez polo feito de que alí non hai nada, mentres que arredor, en todas as partes, hai algo.
“Geometría de ecos” é unha serie non narrativa que mediante a paisaxe reflexiona sobre a representación do baleiro e do tempo no espazo, un baleiro que aquí é simbolizado pola cor branca. Paisaxes baleiradas, esvaecidas; como alegoría do engano sensorial e metáfora de fraxilidade. Estudo dos límites da materia; o ausente, o invisíbel, a non-forma, o inintelixíbel, o misterio…
A priori, a investigación que desenvolve esta proposta, é unha procura máis propia da pintura, pero que neste caso supón unha especie de tautoloxía á afirmación de John Berger de que “O verdadeiro contido dunha fotografía é invisíbel, porque non se deriva dunha relación coa forma, senón co tempo”. Unha foto, pola súa propia natureza, refírese ao que non se ve; xa que isola ou selecciona un instante dun continuum. O que mostra, invoca ao que non se ensina. O significado dunha fotografía reside na toma de conciencia entre estes polos de ausencia e presencia.
“Geometría de ecos” busca fotografar ese baleiro, esa ausencia. Presenza constante de conceptos coma o tempo e o baleiro, xa que afectan ao cadro xeral con que se aborda o estudo da realidade. Dalgún xeito, son conceptos que aluden aos límites da realidade: o tempo, por exemplo, non é directamente perceptíbel senón como parámetro do cambio. O baleiro, pola súa parte, é o límite máximo na rarificación da materia, a súa ausencia.