As imaxes do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea chegan a Vigo
A partir do mércores día 4 de xaneiro de 2017 poderán verse os ensaios premiados exaequo “Le cirque noir” de Berto Macei e “Rururbania Salnés” de Jose Romay na Sala 1 de exposicións de AFundación.
A exposición que poderá verse en Vigo no marco da colaboración entre Afundación, o festival Outono Fotográfico reúne os ensaios de Berto Macei e Jose Romay que obtiveron exaequo o II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea que convoca desde o ano 2013 a Asociación Proxecto Benito Losada e o festival Outono Fotográfico grazas ao patrocinio da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Este premio ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Ademáis, pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores/as tanto nacionais como estranxeiros. Asemade, o premio está prantexado para crear un produto cultural que valore o proxecto, que publicite á autora/or e que revalorice a creación artística, polo que se dedica á produción dunha exposición itinerante e á edición dun libro
LE CIRQUE NOIR de Berto Macei
En Le cirque noir, Macei constrúe o que semellan frames do período clásico do Film Noir, liberándose do complexo que supón repetir unha gramática manida desde a década dos corenta e nacida logo da depresión do 29. A propia nomenclatura que enfeixa as imaxes que nos presenta é clara, aliás de cada recurso que emprega na linguaxe visual, cada elemento que fotografa, ou o senlleiro xeito de evocación para quen ve as súas fotos, que rememoran fielmente os xeitos e procederes de directores como John Huston, Robert Siodmak ou Charles Laughton.
Nesta serie fotográfica o autor entende perfectamente o que xa dixera James Monaco en American Film Now, referente a que o Film Noir non é un xénero per se, senón mais ben un estilo visual. Por tanto, nas súas fotos podemos ver claramente unha estética fortemente influenciada polo expresionismo alemán ben pola iluminación ou a ausencia dela, ben polo punto de vista.
Mais se atendemos ao fondo, tamén Macei nos leva – coma os filmes – ao realismo poético francés cunha sorte de fatalismo que rodea ás personaxes que fotografa ou aos sempre recorrentes heroes vidos a menos. En cada imaxe vai facendo énfase na autenticidade, coma no neorrealismo italiano. Se The lost weekend ou In a lonely place se esforzan por retratar persoas comúns ou con vidas ordinarias, botando man de extras non profesionais, en Le cirque noir faise a elección consciente dun circo despoxado de ostentosidades que camiña no mole gume entre o espectáculo e a decadencia.
RURURBANIA SALNÉS de Jose Romay
O neodocumental de Romay, Rururbania Salnés, tamén se apropia da linguaxe clásica deste xénero, como vemos neste traballo, para manipulala coma os coetáneos americanos de Romay. O autor explora os límites entre o rural e o urbano, o construído e o natural. Artella unha análise ben diferente ás que se teñen feito do espazo común no noso País. Nel persegue unha lectura máis pausada da relación entre paisaxe e territorio cunha certa carga de retranca na mensaxe que enche as imaxes de elementos secundarios que non só xeolocalizan a fotografía senón que falan da intencionalidade do proxecto.
Jose Romay presenta en Rururbania Salnés un territorio hostil onde os límites entre o verde e o gris foron desleándose para dar en tons alaranxados que achegan o humanizado e o salvaxe, e que mesturan o industrial co habitábel. Como xa fixeran Robert Adams ou Stephen Shore para o libro New Topografics en Norteamérica na década dos 70, Romay retrata un Salnés real procurando ese suposto parangón paisaxístico que vira cada vez máis en territorio. Toda unha declaración de intencións que sitúa á comarca – na que el vive desde que naceu – no extremo oposto aos postais que venden as colareiras mecas ou no casco vello de Cambados.
As imaxes da Rururbania impóñense cun verniz dunha californiana luz que contrasta ironicamente co desfeitismo azul grisáceo que fagocita a zona máis turística do noso País.