Aberta a convocatoria para a sétima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
O Festival Outono Fotográfico, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, convoca a séptima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que «pretende promover novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía». Así o asegurou esta mañá o director del festival galego de fotografía, Xosé Lois Vázquez, durante a rolda de prensa de presentación das bases, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC).
As entidades que promoven o certame partillan o interese prioritario de que constitúa unha «plataforma para dar a coñecer o talento dos e das creadoras que están empregando as linguaxes fotográficas contemporáneas para a produción do seu traballo», afirmou o Director Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen puxo de manifesto o incremento de participación en cada unha das edicións. Ademáis asegurou que «o Premio adquire cada ano un maior peso específico entre os e as artistas, con participación de autoras e autores referentes no ámbito da fotografía a nivel internacional».
Sobre o proxecto premiado
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición que se inaugurará en xaneiro de 2020 en Lugo e que itinerará durante dous anos polas 7 cidades galegas nas salas de Afundación, así como por Portugal e algunhas localidades do resto do Estado Español.
A edición do libro co traballo gañador a cargo de Difusora de Letras, Artes e Ideas dentro da colección OF, completa o galardón deste prestixioso Premio.
Os e as participantes deberán apresentar un proxecto fotográfico realizado entre setembro de 2009 e setembro de 2019, e que non teña sido subvencionado ou recibise unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquer soporte. Respecto do tema e da técnica, ambos son libres.
Trátase de incentivar traballos coa reflexión e percorrido suficientes como para non ser fruto da concursística. A este respecto Vítor Nieves, coordinador do premio e curador da exposición e Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e editor do libro, resaltan o obxectivo do Premio: «Promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que prantexa, en xeral, a arte contemporánea con respecto ás formas de dominación e a imposición de límites ao pensamiento. Promover a creación dun espazo fotográfico en Galiza que complemente ao creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas por parte de autores/as tanto nacionais como extranxeiros.»
O prazo de apresentación
O prazo de apresentación das obras será até o 5 de novembro de 2019 e os proxectos enviaranse a través da ficha habilitada para esta convocatoria en www.outonofotografico.com ou por correo postal a Difusora de Letras Artes e Ideas no enderezo que se especifica nas bases do Premio, dispoñíbeis no mesmo site desde esta mañá.
Entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará tres, atendendo á lenguaxe visual do ou da autora, á calidade fotográfica e á contemporaneidade, que serán os finalistas. Os seus nomes publicaranse o 12 de novembro de 2019 no site referido e nas redes sociais do festival. O nome do gañador ou gañadora será designado polo xurado 48 horas despois e publicado nas referidas canles.
Itinerancia
Nos tres últimos anos, as exposicións surxidas do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e os seus libros itineraron por Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Segovia, Valladolid, Madrid; Braga, Porto e Lisboa (Portugal), Fortaleza (Brasil), Atenas (Grecia), París (Francia) e Oslo (Noruega).