A escenificación da morte chega ao Outono Fotográfico

Rocío Verdejo expón en Ourense convidada polo festival a súa última serie que nos fala das identidades xeradas en torno ao que queda logo do pasamento dun ser querido.

Rocio Verdejo Outono Fotográfico

A Galería Marisa Marimón abre a súa nova localización nas Lagoas (rúa Benito Vicetto) con outra grande aposta do festival de fotografía que se enmarca dentro da temática deste ano, a Identidade e a Alteridade.

Las matemáticas de Dios no son exactas” viaxa a Ourense logo de ter itinerado por numerosos museos desde o 2012. Esta serie, de impoluta factura, trata de identificar o que queda no ser humano despois da morte dun ser querido. A presenza dunha estética publicitaria residual, contra todo prognóstico, non nos defrauda en canto a lograr o obxectivo que se propón a artista, pois en cada imaxe dispón a estética do familiar que, lonxe de ancorarse no sinistro, devólvenos a imaxe das emocións inexpresábeis do ser despois da perda.

Rocío Verdejo é granadina de nacemento, aínda que vive en Madrid onde é directora artística da axencia publicitaria La Despensa. As súas fotografías xorden de ideas concibidas desde un punto de vista íntimo, tomando como referencia as súas propias vivencias e emocións, recreando escenas narrativas que materializan esas experiencias. Ten exposto en numerosos museos a súa serie ”Quietud”, resultado da beca Iniciarte, e ten participado en festivais como Pa-ta-ta ou Incubarte para chegar agora ao Outono Fotográfico.

En “Las matemáticas de Dios no son exactas”, que estará exposta até mediados de xaneiro, Verdejo quere darnos a perspectiva da ánima ollando o seu corpo abandonado. O xesto mínimo da mirada absorta en cada personaxe fotografada e a perfecta xestión dos signos fannos entrar nestes “instantes conxelados” para ler as identidades do económico, o moral e o cultural que subxacen baixo as aparencias: a mágoa, a saudade, la soidade, o medo ante a ausencia, o “que dirán” ou a herdanza.

Hai unha falsa seriedade nas imaxes de Rocío Verdejo, non só pola ironía e o humor dalgunhas delas, senón tamén no sentido no que estas escenificacións ou falsas escenas de dor ante a morte, nos falan da verdade universal que hai detrás dos roles xogados polos seus actores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *