A 30ª edición do Outono Fotográfico arranca cargado de novidades

O festival galego de fotografía inaugurouse oficialmente cunha exposición fonofotográfica na que o referente estivo substituído pola descrición literaria do mesmo, o que produciu a imaxe latente nas mentes das e dos asistentes.

Logo do acto performático a cargo de actrices e actores de teatro dos grupos Trécola e Sarabela, a organización do festival decano da península presentou a programación con 114 exposicións nas que traballaron 471 autores/as. Esta nova edición consolida ao OF como un evento fotográfico sen parangón en canto á magnitude.

O coordinador do festival, Xosé Lois Vázquez (Che), asegurou que “o Outono Fotográfico hoxe xa é sinónimo dun espazo expositivo único chamado Galiza” que hai anos se ampliou a Portugal e Catalunya e este ano a Brasil. Este espazo expositivo “inclúe varios itinerarios como o proposto por Anacos da Cidade formado por oito exposicións”, asegurou.

Debido á diversidade de propostas e á cantidade de ofertas, o Outono Fotográfico ampliou este ano os seus tempos, comezando a primeira exposición en Barcelona en setembro, e que se prolongará até xaneiro coa clausura da última en São Paulo.

Outra das novidades do festival será ampliar as disciplinas artísticas sen perder o norte fotográfico, como a performance inaugural, ou algunha mostra de pintura que homenaxea dalgún xeito á fotografía. Vázquez asegurou que “o Outono Fotográfico traballará para coidar o obxecto-fotografía mediante obradoiros ou premios como o Premio Nacional de Fotografía de Galiza”, ademais explicou que “houbo unha maior esixencia do nivel de acabado técnico das exposicións, e puxemos un maior acento no interese pola disciplina ou feito fotográfico, é dicir polos proxectos expositivos coherentes sustentados na reflexión, así como comisariados e producións propias”.

Para este aniversario, a dirección estruturou o festival en seccións diferenciadas, para tratar de chegar mellor ao espectador/a axeitado. O Outono Aberto é a sección na que se aglutinan as diversas propostas que cada ano achegan amantes da fotografía e que conforman o groso do programa dun xeito participativo.

Así mesmo Historias da Fotografía Galega será a sección encargada de fixar a nosa memoria histórica, e que este ano trae unha exposición de imaxes do arquivo de José Piñeiro Priegue «Esteirán» quen desenrolou a súa actividade profesional en Noia.

Unha sección fundamental é a Sección Oficial, na que o festival se convirte no anfitrión de fotógrafas e fotógrafos convidadas/os. Vítor Nieves, coordinador desta sección, asegurou que  “son aquelas mostras artelladas para un festival acorde co seu tempo, cunha curadoría que coide a fotografía de xeito transversal atendendo a cuestións non só artísticas senón de técnica e até presentación e estética. Exposicións que, en fondo e forma, reúnan os requisitos para formar parte dun festival coma o Outono Fotográfico”. Son, neste caso, unha vintena de mostras das que Nieves destacou “varias curadorías de peso con autores de primeira como Cé Tomé, Xaquin Rosales, Álvaro Negro ou Carlos Puga”. Así mesmo, seguiu enumerando mostras asegurando que “a apertura do Outono a outras disciplinas trouxo exposicións de videocreacións coma a da brasileira Claudia Jaguaribe, ou as pezas foto-pictóricas de Armindo Salgueiro”.

Desde a organización do Outono destacan que este ano o festival é máis internacional ca nunca ao teren mostras coma a de Avani Stein en Brasil. O “exquisito traballo feito só co teléfono móbil” do holandés Matth Van Mayrit, e a primeira exposición en Europa do xaponés David R. Toro, coinciden na programación co traballo do portugués Miguel Vasconcelos e a americana Maureen Ton.

O Festival conta cunha financiación pública do 67% equivalente a 27.000 euros provintes fundamentalmente do Concello de Ourense e a Xunta de Galicia e tamén do Campus de Ourense, Concello de Santiago, Porto de Ferrol e Deputación Ourense. Ademáis conta cunha finaciación privada nun 33% aproximadamente de Difusora de Letras, Artes e Ideas e Emociois.

 

 

O OF en CIFRAS:

 

Total exposicións: 114

Individuais: 74

Colectivas: 39 (de 397 fotógrafas/os)

Total fotógrafas/os: 471

Espazos expositivos: 91

Salas e espazos públicos: 54

Salas privadas: 37

Institucións participantes: 34

Empresas privadas: 41

Proxeccións vídeo individuais:1

Proxeccións vídeo colectivas: 2

E ademáis: concursos, cursos, whorkshops, accións, performance…

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *