Ana Torres Fernández | Ana Vidal Sánchez | Andrea Costas | Bea Romarty | Carolina Martínez Rodríguez | Covadonga Gutiérrez | David Rodríguez Toro | Eduardo Irago | Horacio González Diéguez | Iván Prieto | Jose Rodríguez Romay | Juan Pérez Míguez | Luís R. Barreiro | Nachok | Natalia García | Olga Osorio | Pablo Goikoetxea | Patricia Valverde Esteiro | Paulo Carcabaça | Raquel Castro | Raúl Pereira Gómez | Rubén Vilanova Romero | Victoria Diehl | Vítor Nieves | Xoel Gómez
Galería Sargadelos | Compostela do 26 de outubro ao 13 de novembro de 2007 Casa da Xuventude | Ourense de novembro a decembro de 2007 Curador: Vítor NievesDesde o festival Outono Fotográfico decídese que a exposición inaugural de 25ª edición sexa unha especie de mapeamento do que se estaba a facer nese momento na fotografía, e con ese premisa lle é encargada a exposición ao curador Vítor Nieves, que xa tiña colaborado en edicións anteriores con curadorías que expuña na Galería Sargadelos (que dirixía) e non só. Así desde a curadoría decídese celebrar o 25º aniversario do festival con 25 artistas de 25 anos, os mesmos que tiña o curador.
Coma un mosaico capaz de reproducir as luces e sombras de 25 outonos,
como 25 follas caídas das árbores de 25 anos perennes para nós,
coma o retrato do que retratan aqueles de ollos de 25 outonos,
coma 25 hoxes que nos lembran os outonos de 25 ontes,
coma 25 postais de outono que revestiron máis de vintemil matices,
outonos filmados e feitos volume, outonos saídos do metacrilato,
outonos que soñaron abandonar a bidimensionalidade, outonos activos, accionados,
outonos realistas coma un parto en directo, outonos asistidos, adubiados, a pelo,
outonos dixitais, escaneadas nerviacións das follas secas de 25 outonos,
outonos coloreados por odenador, estroboscópicos outonos, outonos limpos,
outonos 50 X 70, outonos xigantescos, outonos sen límites precisos ou
outonos que duran coma se durasen todo o ano.
Outonos nos que nos deixamos a pel, fotografías da nosa pel na que sempre é outono,
25 anacos de nós montados sobre aluminio ou cartón-pluma,
o que contemplan do outono 25 ollos de 25 outonos,
e –seguro-
os que virán.
Yolanda Castaño
25 Outonos no Miraxes da TVG.
Texto curatorial publicado no catálogo:
Como xa é sabido por todos, o outono chega ás 25 primaveras. Co gallo dese aniversario organízase esta exposición que leva por nome 25 Outonos. 25 anos, 25 fotógraf@s, 25 olladas e 25 mundos distintos. Con esta exposición reafírmanse os valores máis importantes do Outono Fotográfico: un evento aberto a todo aquel que, baixo a premisa dun mínimo de calidade, queira participar; dinamizar a oferta cultural no que á fotografía se refire creando unha oferta plural que chegue á maior cantidade de xente posible e seguir habilitando esa plataforma que sirva de lanzadeira e apoio a novos valores do noso país, xa que os 25 artistas son todos menores de trinta anos, pero moitos deles xa despuntan neste mundo ateigado e difícil da arte.
Pretendemos que esta exposición sexa unha mostra do que se está a facer no mundo da fotografía na Galicia actual. Por iso non hai un nexo común concreto nin en canto ás formas nin ós fondos. É unha exposición pensada para o espectador, dinámica á par que didáctica, xa que nela se poden ver todos eses submundos de seu que conviven na arte, todos os xeitos de afrontar a fotografía, e todos os soportes e tamaños posíbeis.
Así, por exemplo, se atendemos ás formas –soportes, técnica e medidas– temos dende obras clásicas como fotos enmarcadas ou polo contrario fotografías de grandes dimensións en soportes máis contemporáneos como o aluminio, o algodón, o foam ou o PVC. Atoparemos tamén caixas de luz:; instalacións; video-art: documentos fotográficos de performance e intervencións, que pola súa capacidade comunicativa convertéronse en obra plástica por si mesmos ou imaxes creadas sen empregar cámaras fotográficas, ben sexan imaxes dixitais de ordenador, ou obtidas ó traveso dun escáner (que farían os Pais Niepce, Talbot ou Daguerre se tiveran un escáner ou un CCD?). Hoxendía a fotografía perdeu a definición histórica da súa propia nomenclatura, e, como está a pasar no resto das artes, mestúrase polos vieiros interdisciplinares, obtendo obras máis pictóricas que fotográficas; máis escultóricas, cando lle rouban ó espazo unha terceira dimensión; ou chegando até a representar o movemento na montaxe en vídeo (e se levantaran cabeza Muybridge ou Marey?), pero eso si sen esquecer a Nai Técnica, e a nosa sempiterna aliada: a luz.
E se nos fixamos no fondo –no eido do conceptual– temos dende traballos de autor moi diversos que nos falan acerca de mundos internos e persoais, paisaxes cerebrais, imaxes pertencentes a traballos de fotodocumentalismo, fotografías de cadernos de bitácora, imaxes pertencentes a traballos de investigación, etc.
@s 25 artistas traballaron xunt@s nesta exposición para presentarnos as mellores obras de seu, e conscientes da importancia que ten dito aniversario, coa intención de homenaxealo Outono Fotográfico, que agora máis que nunca goza dunha envexable boa saúde. Por vintecinco vintecincos máis.
Vítor Nieves. Curador
Iconos en Tele Minho.