AVINTES, Galeria dos Plebeus Avinteses, do 12 de outubro ao 21 de decembro.
Doble Ele 2
Ter a ocasión de viaxar fóra do teu hábitat é sempre unha experiencia que, para min, resulta altamente enriquecedora. E durante o pasado ano 2012 tiven a oportunidade de visitar dúas capitais europeas que visualmente son moi atractivas: Londres e Lisboa. É obvio que como fotógrafo non me ía permitir viaxar ata elas sen algunha cámara en riste pero, por esixencias de equipaxe, decidín levar unicamente a miña Pentax de 35 mm, un único obxectivo de focal fixa e varios carretes de diapositivas. Algo moi afastado do tipo de fotografía arquitectónica que realizo habitualmente, onde cargo co trípode, varias ópticas e unha pesada mochila. Así pois o meu achegamento fotográfico a ámbalas dúas cidades formulábase como unha especie de exercicio, un reto auto-inflixido que me sacaba da miña zona de confort fotográfico, tanto nos medios, coma nos temas.
A través das longas camiñadas polas rúas das dúas cidades, en solitario na capital portuguesa ou acompañado polo meu bo amigo Iván Franco no caso londiniense, descúbrome empapado do espírito do flâneur de Baudelaire. En realidade estaría máis preto da descrición que deste fai Walter Benjamin ao que define coma «un moderno espectador urbano, un detective afeccionado e un investigador da cidade». Esa aproximación aos espazos sen prexuízos, intentando non deixarme levar pola miña memoria visual de centos de imaxes de ambas cidades vistas no cine, na televisón, nos libros, imponse coma unha lousa coa que debo cargar, mesturada polas vivencias deses días. É un reto, pero gústame. Entendo que me fai ben.
O resultado? O resultado é o que se pode ver nas imaxes… sigo sen poder escapar da miña zona de confort. Polo menos completamente. Pero, en definitiva, non podemos deixar de ser nós mesmos aínda que nos vaiamos do país.
Xosé Anxo FONTENLA CHAS
Pontevedra 1976
Licenciouse en Belas Artes na facultade de Pontevedra no ano 2003 e especializouse en Fotografía de Arquitectura no Institut d’Estudis Fotografics de Catalunya -IEFC-, no 2005. Participou en diversas exposicións colectivas como o VI Premio Auditorio de Galicia para novos artistas (Santiago de Compostela, 2009), o Arquitectures i espais, alumnes IEFC (Barcelona, 2007), o In Situ-Site Based Project (Illa da Xunqueira, Pontevedra e Central Space Gallery; Londres, 2004) ou o Malas Artes Arquitrabes (Vigo, 2003). Tamén ten exposto mostras individuais como Preventorio, na sala Alterarte (Ourense, 2009), ou Vanitas, no Collegi d’Arquitectes de Catalunya (Barcelona, 2007). No ano 2010 gañou a II Bolsa e Creación Fotográfica: O Mar co proxecto Conservar a Memoria.