OURENSE. Espazo Xove, do 4 ao 30 de novembro.
LUZ é xogar. Xogar co pasado, co futuro. Coa horizontalidade e coa verticalidade, coa ilusión. Maxinar.
A luz éo todo. Sen luz non hai nada. Só escuridade. A luz permítenos ver, mirar, verificar e trabucar. A luz ilumina e deforma. Crea sombras, siluetas e formas. A luz deslumbra, delimita, mira. A luz márcanos o camiño. Unha escura luz guíanos cara o noso destino. Un destino agora aínda escuro.
Cada un dos nosos pasos esixe luz, e esa luz determina o propio paso. Esa luz é a nosa pegada, que se apaga ou fica dependendo da luz que a ilumine.
Xavier Prol
Castro Caldelas, Ourense 1988
Licenciado en Dereito e en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade da Coruña. A súa formación fotográfica foi completamente autodidacta. Finalista e galardoado en varios concursos entre os que destacan o Xuventude Galicia Crea 2010. Centrado principalmente na fotografía de rúa, fundamentalmente realista e caseque documental en certos casos. Estudo das relacións entre xentes e lugares. Roubo de momentos evitando poses e artificios tanto na toma coma no procesado. Criterio de mínimo retoque e uso recurrente do branco e negro.