PONTEDEUME, Casa da Cultura, do 15 de novembro ao 1 de decembro.
Curadora: Carolina Martínez.
Una estrategia de la apariencia #2
Una estrategia de la apariencia é unha investigación sobre a ausencia da sociedade, do propio individuo, na cidade contemporánea. Provista dun xersei da mesma cor que o contorno, metinme literalmente dentro del nun acto de auto-recoñecemento, de busca de min mesma. Pero co único co que me encontrei foi coa miña propia ausencia diante da monstruosidade do espazo contemporáneo, espazo inmensamente frecuentado e no entanto baleiro, impersoal, tráxico.
Cos seus grandes e monótonos edificios, a cidade atrápanos e engúlenos. Non somos nada nin ninguén a ollos da grande urbe contemporánea. O monótono gris formigón expándese por todos os lados e fainos practicamente invisibles. A sociedade perde o seu selo persoal, a súa identidade; un libro sen portada, unha cara sen rostro. Ausentes, durmidos e alienados vivimos obsesionados co tempo até límites absurdos estruturados en cíclicas rutinas de produción e consumo. Vemos sen mirar, aceptamos sen pensar. Un mesmo patrón viste a multitude; auténticos clons, irmáns xemelgos, somos mercadoría e obxectos fabricados en cadea.
Cidades de grandes embotellamentos e aglomeracións, sociedade de inmensa soidade e illamento. Incomunicación absoluta aínda estando rodeados de xente no metro. Non hai descanso, o tempo acelérase. Como máquinas programadas non nos pertencemos, non dá tempo a nos coñecer nin recoñecernos. Creación dun profundo abismo interior, herdanza perdida. Continuas mudanzas de maletas baleiras en espazos intercambiables, impersoais. Crecemento en aumento de non-lugares: anónimos espazos mudos carentes de historia. Un mundo sen claves nin contrasinais, un mundo colapsado polo ir e vir. Non queda rastro, as nosas pegadas deslízanse polo desgastado chan. Unha agulla nun pallar, unha identidade extraviada.
Verónica Vicente
Tomiño 1988
É graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2006-2010) e foi bolsada cunha Erasmus na École Supérieure des Beaux-Arts de Anges, Francia (2008-2009). Conta cun Máster Internacional de Fotografía, itinerario de concepto e creación, da escola madrileña EFTI (2011) e co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC (2012), tendo realizadas as prácticas no Musée d’Art Contemporain de Lyon, Francia.
Recibiu o primeiro premio no I Concurso Internacional de Fotografía de Escultura «Un Museo Imaginario de la Escultura» do Museo Nacional de Escultura e o premio «Novos Valores 2011» na modalidade de fotografía, da Deputación de Pontevedra.
A súa obra formou parte de exposicións colectivas no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, no Pazo da Cultura e no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, no CENIMA de Foz, Lugo, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, no Espacio OFF de EFTI e no Círculo de Bellas Artes de Madrid, en Arts Santa Mónica de Barcelona, no Musée des Beaux-Arts de Anges, no Museo San Juan de Dios de Camagüey, Cuba, entre outras.
Tamén formou parte de feiras e bienais como a IX Feira de Arte Contemporáneo de Arévalo, Ávila, na XI Bienal Pintor Laxeiro de Lalín, ou na 17 Bienal de Cerveira, Vila Nova de Cerveira, Portugal.