Colectiva UN SÉCULO DE FÚTBOL NO BARCO (1913-2013)

O BARCO DE VALDEORRAS. Teatro Municipal Lauro Olmo, do 13 de novembro ao 7 de decembro.
Coordina: Xabier Roo Abril

futbolistas-do-barco

Futbolistas do Club Deportivo Barco co neno Arturo Rodríguez “Turi”
no campo de Calabagueiros, ca. 1949

Neste ano 2013 o equipo de referencia pra os/as afeccionados/as ao fútbol na cabeceira de Valdeorras, o Centro de Deportes Barco, vén de celebrar o cuadraxésimo aniversario da súa fundación. Porén, o chamado “deporte rei” tiña xa nesa altura (1973) unha longa e interesante historia que nos leva a remontar varias décadas na liña do tempo, até os primeiros anos do século XX, cando o football arriba á comarca e prende con forza entre a mocidade que o practica e mais un público de toda condición que o segue e impulsa. A mostra “Un século de fútbol no Barco” ofrécelle ao espectador un percorrido pola memoria gráfica local coas imaxes dos pioneiros deste deporte hoxe de masas, dende a formación dos primeiros clubs -que de non mudaren de nome arestora serían centenarios- até os nosos días. Asistimos ás primeiras competicións e torneos locais, coincidindo case sempre polas festas, ou á devolución da visita a equipos das localidades veciñas. Hai na recompilación un espazo tamén pra o achegamento ás individualidades, ás “figuras” do momento que causaban sensación entre a apaixonada torcida local, mesmo con algúns nomes que transcenderon os lindeiros da comarca e chegaron a acadar sona e fortuna en prestixiosos clubs profesionais da Primeira e da Segunda División. Reviviremos cos seareiros/as as datas sinaladas e os fitos históricos (que os houbo: finais, títulos, ascensos de categoría, partidos amigábeis con grandes equipos…) e levaremos como mellor poidamos as pequenas frustracións ou as etapas escuras en que parecía que todo ía esborrallar. Neste rastrexar polo álbum das nosas lembranzas futbolísticas atopamos tamén a pegada de recoñecidos nomes da fotografía local, como o Rufino, o Pancho ou o Ismael, que nos achegaron a través da cámara a súa particular visión deste deporte e fenómeno social.  Velaquí, pois, unha centuria sintetizada nesta escolma de fotografías de afoutos e suorentos rapaces, de soños de nenos e dos que xa non o son tanto, de paixón compartida por unhas cores, tras do valo ou na bancada. Outra vez, o balón está no centro. E vai botar a rodar…

Share on FacebookTweet about this on Twitter