ROTEIRO FOTOGRÁFICO «DO VAL POLICROMADO EN SAN MARTIÑO»

9 e 11 de novembro en O Barco de Valdeorras.

Imaxes inspiradas na poesía de Florencio Delgado Gurriarán.


É unha actividade non competitiva, que promove e organiza a Concellaría de Cultura do concello do Barco de Valdeorras dentro do Outono Fotográfico, un xogo para activar un outro xeito de ollar a realidade na que nos movemos todos os días, de achegármonos ás palabras e aos versos de Florencio Delgado Gurriarán, de poñer a creatividade na observación dun momento, na descuberta dun detalle que moitas veces pasa desapercibido, na estética da paisaxe e o patrimonio cultural do Barco e da súa comarca. Trátase de unir fotografía e lingua como partes do proceso de comunicación, de favorecer o encontro e o intercambio de ideas e coñecementos entre fotógrafos e amantes da fotografía.
O Roteiro desenvolverase en dúas partes:
Primeira parte. SETE VERSOS, SETE FOTOS. Un roteiro polo Barco que terá lugar o sábado 9 de novembro entre as 9h30 e as 13h30. A organización entregará a cada participante sete versos de FDG que inspirarán as fotografías que se tomen nese itinerario. Cada fotógrafo escollerá logo unha foto por cada verso, é dicir sete fotos, de entre todas as que tome.
Segunda parte. UN POEMA, UNHA SERIE DE CINCO FOTOS. Cada participante recibirá un poema ou fragmento de FDG sobre o que deberá elaborar unha serie de cinco fotografías. Estas fotos poderán tomarse entre as 15 horas do día 9 e as 24 horas do 11 de novembro, en calquera lugar da comarca de Valdeorras.
As fotos entregadas daranse a coñecer nun acto público, que se anunciará ao seu debido tempo, e logo formarán parte dunha galería virtual que se difundirá a través da Rede.
Inscricións e información: cultura@concellodobarco.org e no Tf. 988320053

Share on FacebookTweet about this on Twitter