TUI, Fototeca, do 24 de outubro ao 18 de novembro.
S/T
«UNI-VERSOS» son un punto de partida, o primario, o «eu», o un como principio, como metáfora do elemental. A unidade que é o centro, tamén o dunha fotografía. O dardo que lanzamos dende a mirada en cada toma, cara esa «realidade que –como di B. Plossu– é como unha pantalla sobre a que “un” proxecta as súas emocións».
Que nos move a tomar unha fotografía, a reorganizar o caos visual en cada toma? Que nos punza cada vez que miramos e re-miramos unha imaxe? A fin de contas o fin derradeiro de cada acto fotográfico é unir e re-unir elementos, situacións e momentos nunha soa cousa, sobre un só soporte… un verso, unha imaxe… o punto onde todo se une e xira. Os Uni-versos mostran ese «un» e todo o que o rodea.
Rosa Neutro
Cangas do Morrazo 1979
Rosa Neutro é artista multidisciplinar e fotógrafa, licenciada en Belas Artes na especialidade de escultura pola Universidade de Vigo. Nos últimos anos participou en diversas exposicións individuais e colectivas. Actualmente a fotografía é o punto central da súa obra; o seu carácter inmediato e o seu uso popular convértena no vehículo idóneo co que a artista explora o cotián, buscando asociacións inesperadas e o novo na proximidade. Na súa obra son conceptos constantes o portátil, o movemento, o efémero, o cotián, o procesual, a nada e mais o azar. Na súa produción artística cabe destacar un interese constante por desenvolver unha obra versátil e sen etiquetas na que diferentes disciplinas artísticas son abordadas atendendo ás necesidades de cada proxecto e nos que o medio fotográfico está sempre presente.