OURENSE, Edificio Xurídico Empresarial do Campus de Ourense, do 4 ao 30 de novembro.
A Sala Negra é un proxecto colectivo de investigación periodística, difusión e denuncia realizado por RUIDO Photo, centrado na que probablemente é a máis preocupante das realidades que vive Centroamérica: a crise de violencia.
Centroamérica é a rexión máis violenta do mundo. Durante os últimos 5 anos dous dos tres países do triángulo norte desta pequena rexión, El Salvador e Honduras, tiveron a dubidosa honra de ter o maior índice de homicidios de todo o planeta. A diferenza doutras partes do mundo, este fenómeno non é produto dun conflito político ou territorial. En Centroamérica a crise de homicidios é o triste síntoma dunha gran diversidade de problemas sociais que van dende a desestruturación familiar, o abandono do estado, a falta de oportunidades para a xente nova ou as feridas mal curadas dunha recente historia de conflitos armados. Esta reportaxe percorre a crueza da violencia centroamericana que se converteu nunha rutina, nun estado de normalidade que impide a construción de solucións estructurais.
Edu Ponces Roldan
Barcelona 1989
Edu Ponces Roldán, fundador da asociación de fotoperiodismo RUIDO Photo. Fotógrafo nado en Barcelona en 1980. Estudou fotografía e fotoperiodismo no Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya. Desenvolveu a maior parte da súa vida profesional en América Latina traballando no xornal de investigación Elfaro.net pero tamén colaborando con outros medios internacionais como as revistas Proceso e Gatopardo en México, Miami Herald (USA), El Periódico de Catalunya (España) e outros medios como Periodismo Humano, Univisión ou CNN en Español.