Mati Álvarez Rodríguez, Javier Álvarez Soto, Emilio Araúxo, Emilio Cendón González, Daniel Díaz Trigo, Federico García Cabezón, Carolina Martínez Rodríguez, María Meseguer, Vítor Nieves, Carme Nogueira, José Paz, Sara Sapetti, Alba Vázquez Carpentier e Marta Villoslada OCULTACIÓNS E INEXISTENCIAS

OURENSE, Museo Municipal, do 30 de outubro ao 17 de novembro.

Curador: Xosé Lois Vázquez.

ocultacions-sarasapetti

Sara Sapetti

1. O lugar de lugares, a cidade, conserva no centro primixenio ou novos centros circunvalantes, as sedes económica, política, xurídica, mercantil e relixiosa. As actividades que non se consideran atractivas estética ou moralmente son centrifugadas fóra dos límites sucesivos da cidade. Tamén ocultas, fóra da vista, quedan estruturas funcionais sen estatus canónico de belas.
A acción produtiva xera o mesmo resultado centrífugo co ser produtor. No centro rendible só cabe un pequeno grupo, e o resto, por capas de pobreza, vaise establecendo como pode até chegar ao límite da marxinalidade. En xeral, a distancia física é económica, o confinamento decreta a inexistencia dalgúns aspectos da vida social; blíndanos fronte a colectivos ou lugares; pero non só: a práctica automática das regras dentro-fóra exacérbase como garante da estabilidade decretando incluso a inexistencia de certas prácticas privadas ou íntimas.

2. A aproximación ao feísmo pódese facer intentando esculcar como está o noso conflito ético coas regras dentro-fóra do lugar, e para iso nada mellor que furgar no oculto, no inexistente, no que as regras consideran pouco decoroso, xa sexa dentro da vivenda ou fóra dela, no ámbito privado ou no de práctica social, construtivo ou paisaxístico. Quizá poidamos ver se comezamos a envialo case todo máis alá do fóra.

Esa foi a pretensión da proposta ocultacións e inexistencias que fixemos a un grupo de sete fotógrafas e sete fotógrafos: que desde a reflexión artística soubesen desvelarnos formas novas de ver o estado da cuestión, ás veces a través da poesía e outras do rigor case antropolóxico.

3. Esta exposición foi censurada pola patrocinadora, a Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia o día 23 de abril de 2007 ás 12:00 horas; acción coral na que interveu activamente a equipa de colaboradoras directas da conselleira que interviron como mediadoras e portavoces. Tratábase de impor a supresión dos bodegóns de xoguetes eróticos da fotógrafa Sara Sapetti tanto no catálogo como na propia exposición, supresión á que se opuxo frontalmente o curador. O dato é relevante porque foi a culminación do proxecto expositivo e demostrou a pertinencia do mesmo.

Producida por Difusora de letras, artes e ideas, SL

Máis información. Esta exposición dispón de catálogo propio.

 

 

Mati Álvarez Rodríguez
(A Coruña, 1971)
Arquitecta, con dez anos no mundo da fotografía, no cal é autodidacta.
Ten varios premios e participou en diversas mostras colectivas. Obtivo o Premio á Mellor Colección no certame da Dirección Xeral de Xuventude en 1996 e 1998. A colección gañadora neste último ano forma parte dunha serie, aínda inacabada, chamada «Paisaxes urbanas de fin de século», metáfora das imaxes, costumes e inclinacións destes anos finiseculares.

Javier Álvarez Soto
(Ourense, 1971)
Estudou fotografía no Saint Martin’s College de Londres, en 1995, ano en que fixo a súa primeira exposición no Outono Fotográfico de Ourense. Neste ano presentou unha mostra individual no Maio Fotográfico de Leiria.
En 1996 continuou en Inglaterra estudos no London Institute. Neste ano e no seguinte mantivo unha exposición individual, «Odjos lindos». Desde entón ten participado en numerosos proxectos.

Emilio Araúxo
Escritor. Autor inclasificábel, con poesía e prosa publicadas, ademais do seu traballo editorial —sen dúbida, un dos tesouros cos que conta Galicia, unha editorial de obras non venais que responde ao nome de Amastra-n-Gallar—; unha das súas últimas obras, o último número da revista que leva o nome da editora, que foi presentado na biblioteca do cgac, era unha das publicacións que participaran no pasado mes de outubro no Encontro-Feira de Pontevedra.
Como fotógrafo, Araúxo reflectiu a cociña dunha casa, nunha aldea abandonada, nun exercicio que comezou de forma accidental. O resultado é un longo poema visual.

Emilio Cendón González
(Vigo, 1977)
Licenciado en belas artes pola Universidade do País Vasco.
En 2000 acadou unha bolsa de seis meses de colaboración co Museo Guggenheim Bilbao (sección de fotografía). Obtivo o Primeiro premio, na categoría A, no Certame Galego de Imaxe Artística, modalidade de fotografía, nos anos 2000 e 2002; en 2003, Premio á mellor colección na categoría A do mesmo certame.
Realizou o curso «Fotografía y Posfotografía en la Era Digital», impartido por Joan Foncuberta, no Media Centre d’Art i Disseny de Sabadell, en marzo de 2006.

Daniel Díaz Trigo
(Lugo, 1971)
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. Premiado na edición de 1995 no concurso da Direción Xeral de Xuventude, obtivo o 1.º premio no Certame «Lugo urbano, Lugo rural», uns meses despois; tocou outros aspectos da fotografía, caso da súa exposición «A viaxe», que percorreu distintas salas galegas e que se converteu en libro co título En tránsito, editado cunha bolsa da Comunidade de Castela e León, na colección «Campo de Agramante».

Federico García Cabezón
(A Coruña, 1951)
Realizou estudos de fotografía e medicina en Santiago de Compostela. Traballou como médico rural no Courel. Desde 1985 expuxo regularmente as súas fotografías; por exemplo, no Kiosko Alfonso da Coruña, no Círculo de Bellas Artes de Madrid, ma Galería Quadrum de Lisboa, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, na Sala dos Peiraos en Vigo e na Casa de Cultura Salvador de Madariaga da Coruña.
É autor, xunto con T. Berhrens, dos libros En blanco y negro e A película estática. Realizou varios libros con poemas de Uxío Novoneyra.
Entre os seus galardóns figura o premio especial de fotografía Hoffman, un segundo premio no Certame Luis Valtueña e a selección no premio Luís Ksado da Deputación coruñesa e para «Fotógrafos, Fin de Milenio, España».
Participou nas exposicións «Chapapote Nunca Máis», «Queimados», «Os últimos labregos» e «Finisterrais».

Carolina Martínez Rodríguez
(Narón, 1982)
Enxeñeira industrial. De formación autodidacta, practica a fotografía desde o ano 1996, dentro do Grupo Bazán, en que é co-fundadora da Sección de Fotografía.
Obtivo o terceiro premio no concurso de diapositivas Cidade de Ferrol, en 1997; o Primeiro premio no certame de Entroido organizado polo Concello de Ferrol, en 1998; un Accésit no XV Certame Galego de Fotografía – Xuventude 99; Premios ás mellores coleccións, categoría B, en Xuventude 2000 e 2001, e primeiro premio no mesmo certame e categoría en 2002, entre outros galardóns.

Vítor Nieves
A Gudiña, 1978
Estudou fotografía na Escola de Arte de Ourense. Traballou no campo do fotoxornalismo con La Voz de Galicia. Ten feito numerosos traballos de fotografía publicitaria e deseño para distintas firmas, e participou en diversas exposicións individuais e colectivas. Foi relator en diversos seminarios e talleres de fotografía. Actualmente traballa dirixindo unha galería de arte e comisariou e organizou diversas exposicións. É colaborador en prensa e radio en cuestións de arte.

Carme Nogueira
(Vigo, 1970)
Artista. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo. Foi profesora asociada e investigadora en dita universidade, e recibiu unha bolsa na Hochschule del Künst, Berlín. Foi parte fundadora da revista de arte e cultura Fe (1995-1999).
Traballa sobre os procesos de subxectivización e a función normalizadora dos espazos a través da fotografía e a instalación. Nos últimos traballos (serie «Refuxios») esta problemática materialízase nunha serie de obxectos para o espazo público.
É autora do estudo La representación como puesta en escena: para una teoría de la mirada (Alfons el Magnanim, ed. Valencia, 2001), sobre a confluencia entre a arte e o espectador nos modelos de representación post-históricos, afrontando a análise das diversas estratexias culturais e políticas de identidade que se dan nesta relación. Nesta liña, é autora de conferencias e artigos como Los otros espectadores. Identidades multiculturales (Universidade de Vigo, 1998), ou «Reinterpretando el privilegio: estrategias de resistencia cotidiana» (II Congreso de estudios postcoloniales, 2001) ou «La representación puesta en escena: contextos» (Desacuerdos. Mutaciones del feminismo: genealogías y prácticas artísticas. Arteleku, San Sebastián, abril 2005).
Entre os seus proxectos expositivos destacan «A cidade interpretada» (Santiago, 2006), proxecto no espazo público comisariado por Pablo Fanego; «Travesía de Vigo» (Galería Adhoc, Vigo, 2006) xunto a Santiago Cirujeda; a serie «Refuxios» (Urbanitas, Marco, Vigo, 2006; Metrònom, Barcelona, 2005/2006; Galería Adhoc, Vigo, 2004/5, Coro da Universidade de Santiago, 2003); «Corpos de producción» (Santiago 2002-2003), «El cuerpo extraño» (Galería Adhoc, Vigo, 2001), «Negro» (Galería Visor, Valencia, 2002), «Ecosofías» (Sala Amadís, Madrid, 2000) e Bienal de Pontevedra (Pontevedra, 2000), entre outros.

José Paz
(Eibar, Guipúscoa, 1967)
Licenciado en Ciencias Sociais e da Información na Universidade do País Vasco. En 2006 realizou a exposición individual «Ao día seguinte» (Sala Alterarte, Universidade de Vigo, Campus de Ourense), e participou nas colectivas «Galicia en Foco», «Iconos» (Galería Sargadelos), Premis Rei en Jaume (Calviá, Mallorca), IX Muestra de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, IV Bienal Internacional Ciudad de Alcorcón, XXVII Certamen Nacional de Arte Contemporáneo «Ciudad de Utrera», «Inventa 2006» (Auditorio de Ourense) e «Caminos de Hierro» (Madrid).

Sara Sapetti
(Valladolid, 1976)
Licenciada en Belas artes pola Universidade de Vigo (2003). Máster de Fotografía en efti (2004). Actualmente estuda o doutoramento de Belas Artes na Universidade de Castilla-La Mancha.
Realizou as exposicións individuais «Ser comida» (Sala efti, Madrid, 2005; sala Alterarte, Campus de Ourense, 2004, dentro do Outono Fotográfico).
Participou en 2006 nas mostras colectivas: «Fantasías Republicanas» (Museo Etnolóxico de Ribadavia, Ourense); «Entrefotos VIII» (Centro Cultural Conde Duque, Madrid); Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense; Certame Xoves Artistas (Auditorio de Santiago de Compostela). En 2005, en «Entrefotos» (Centro Cultural Conde Duque, Madrid). En 2003, en «Warszawie – Madrid, Madrid – Warszawie» (Academia das artes, Varsovia); «Malas artes’03» (Sala dos Peiraos); «Prêt-à-porter» (Concello de Vigo). En 2002, «Bello Público adquiriendo cualidades pensantes» (Universidad de Vigo); «Voilá la femme» (Ateneo Santa Cecilia, Pontevedra) e «Identidades feridas» (Fundación Laxeiro, Vigo).
Publicacións: Ser comida-Being eaten, Blur Ediciones, 2006; Revista FV n.º 201 (abril 2006); A Nosa Terra, n.º 1.221; Ser comida (Universidade de Vigo, 2005).
Bolsas e Premios: 2006, 2.º Premio de Artes Plásticas da Deputación de Ourense; Accésit Premio Xoves Artistas, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela; 2005, Seleccionada no certame de fotografía da Real Sociedad Fotográfica, Madrid; 2003, Bolsa de ampliación de estudos artísticos. Deputación da Coruña; e  SICUE. Bolsa Séneca, Universidade Complutense de Madrid.

Alba Vázquez Carpentier
(Ourense, 1982)
Técnica superior de Imaxe pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Realizou as gravacións videográficas das últimas obras do grupo Sarabela Teatro, e das edicións máis recentes da miteu. Para a Difusora ten realizado as reportaxes gráficas dos libros A Romaría da Saínza: mouros e cristiáns, Catálogo de músicos da Limia: música tradicional, Nunca Máis: a voz da cidadanía I, do cal é co-autora, e Feísmo? Destruír un país, coa coordinación de Xavier Paz.
Realizou tamén unha reportaxe fotográfica e xornalística durante dous anos sobre a prevención e a extinción de incendios forestais en Galiza, de próxima publicación en forma de libro.

Marta Villoslada
(Ourense, 1973)
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca en 1997. Fixo o curso de especialización «El diseño de la publicidad» no Istituto Europeo de Design (Madrid), así como cursos de deseño gráfico, escaparatismo, montaxe de exposicións, fotografía, etc.
Actualmente é profesora de deseño gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde en Ourense. Deseñadora gráfica, con actividade artística en pintura e fotografía, recibiu diversos galardóns, o último dos cales foi o 5.º Premio (fotografía) no Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense en 2003.
Expuxo de forma individual na Sala Salvador de Madariaga (Concello da Coruña, 2002), no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (1999), e en «Acción Pública. Proyecto 5», da Galería Tráfico de Arte (León, 1996). Ten participado en numerosas mostras colectivas en Ourense, Zamora, León, Madrid, Valencia, etc.

Share on FacebookTweet about this on Twitter