OURENSE. Centro Cultural Marcos Valcárcel, do 6 de novembro ao 8 de decembro.
Comisarios: Gloria Rodríguez e Ignacio García Gómez del Valle.
MIRADAS COMPARTIDAS NA PRAXE FOTOGRÁFICA.
Despois da teoría é unha exposición conformada por fotógrafos inquedos, sedentos de saber. A curiosidade, as ganas de seguir aprendendo e o desexo de progresar no oficio fotográfico leváronos até a escola de fotografía dirixida por Gloria Rodríguez, La Petite École. A escola anteriormente tiña sede en Madrid, pero durante este ano puidémola gozar na cidade de Ourense.
Os creadores que participan na exposición conforman un grupo heteroxéneo, con diferentes idades, procedencias, formación e, en definitiva, con diferentes miradas. Mais cando esa mirada se comparte sobre unha mesa de luz, con outros fotógrafos nun aula, as outras miradas, a miradas alleas, solápanse sobre o teu propio traballo, asumíndoas, de maneira consciente ou non, como propias.
Quizais sexa esaxerado afirmar que todo o traballo é colectivo, pero hai algo diso se nos atemos ao anterior. A exposición nace da discusión nos diferentes cursos de La Petite École, das opinións compartidas, da crítica construtiva, mais nace, sobre todo, daquilo que está despois da teoría: a experimentación e a praxe fotográfica.
Ignacio García Gómez del Valle