Margot Valcarce TEXTURAS

OURENSE. Café Expresándote en el Pop Art, do 5 ao 25 de novembro.

margotvalcarce

O contacto coas texturas nos primeiros anos de vida, a través do sentido do tacto, espértanos a percepción do que está fora de nós e móstranos o camiño da relación cos obxectos e coas persoas. A través do contacto, polo que sentimos a dor, o paso do tempo, a firmeza, a fraxilidade, a suavidade, a rudeza é posible mudar de estado de ánimo, de posición física e xulgar a realidade imprevista do frío ou a calor como amiga ou inimiga. As texturas non son invariables. Sofren ou gozan da erosión do tempo e van configurando un mapa de impresións de longo ou curto percorrido que nos transmite evocacións persoais de moitos tipos. Tocar, tocar, tocar permite ver sen mirar, adiviñar significados atribuídos ás cousas, os materiais, as cores, os emprazamentos. Nas texturas podemos acadar paz ou ansiedade, durmir ou espertar, probar ou rexeitar, querer ou detestar. A textura viste e espide, acouga ou expón. É disposición, estrutura, orde de elementos e materiais que impresionan profundamente.

 

Margot Valcarce
O Barco 1958
Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Afeccionada á fotografía e á imaxe, formou parte da directiva do Cine clube Groucho Marx de O Barco e da Asociación Cultural Sementeira; promoveu a exposición fotográfica “Mulleres do istmo de Tehuantepec” no ano 2006 no Centro Comarcal Valdeorras, e participou anteriormente no Outono Fotográfico como impulsora e directora do audiovisual Deixa voar o teu maxin. É autora dos logotipos das oito edicións do Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo celebradas en Galicia e do logotipo do Grupo Galego de Estudios para a Formación e a Inserción Laboral da USC. O pasado mes de xullo colaborou coa Asociación de Santa Mariña de Augas Santas na exposición fotográfica organizada no Atrio da Igrexa con motivo da festividade da Santa.

Share on FacebookTweet about this on Twitter