PONFERRADA, Dosmilvacas.arte, do 15 de novembro ao 13 de decembro.
Anxiety
Cando miro a obra de Luna Tristá, teño a sensación de estar sentada fronte a ela, mirándoa directamente aos ollos. Vexo mulleres, persoas anónimas que teño a sensación de coñecer, que me resultan tremendamente familiares. A forza de sedución que posúen as súas imaxes radica na rotunda capacidade coa que se filtran na nosa propia memoria, evocando sensacións, traéndonos ao aquí e agora fragmentos de nós mesmos. Sensacións duais, lúgubres e luminosas que se atopan agochadas no noso interior. Esta é a fisura, a violencia coa que nos irmandamos co seu traballo. O uso do branco e negro contribúe ao feito morriñento da súa obra, coa fin de regurxitar un falso pasado. Metáfora do anacronismo no que vive a súa Cuba natal. Conxelada nunha época que non lle corresponde. As súas fotografías son a cartografía emocional da súa propia existencia, disparos nos que apunta a mulleres que non coñece. Tomas nas que Luna percorre a escena na procura desa identificación co terríbel, o fráxil, o grotesco, o que rexeita, o que anhela e o que ama. Instantes nos que trae á luz, a profundidade da súa propia historia.
Elena Gaztelumendi. 2013
Luna Tristá
La Habana 1980
No ano 2008 finaliza os estudos superiores en Fotografía Artística na Escola Superior Universitaria de Imaxe e Deseño de Barcelona-IDEP. Toda a súa obra xira entorno á feminidade, fala dos seus medos, do sexo e a beleza. A súa obsesión polo pasado lévaa a traballar en branco e negro dando aos seus retratos un aspecto forte e antigo. Directa e atrevida: «Desexo provocar emocións fortes», «As persoas que espertan a miña atención teñen algo de min. Autorretrátome empregando o corpo de outras».
Mulleres, todas elas feitas da mesma materia, levantamento do corpo, ousado, vivido e forte.
As mulleres que aparecen nas súas fotografías son mulleres que non temen á crítica, que non censuran o seu corpo, nin a súa orientación sexual, e que responden coa mirada fixa ante o obxectivo. Na súa traxectoria como fotógrafa cabe mencionar a súa participación no festival BAC, II Festival Miradas de Mujeres, e no MNCA Reina Sofía, dentro do colectivo YOEXPONGO. Ten exposto en coñecidas galerías como H20, HARTMANN, ou na FUNDACIÒ FOTO COLECTANIA. No 2011 participa en diversas exposicións promovidas pola galería Tagomago de Barcelona, en Madridfoto e na feira de fotografía Milan Image Art Fair.