OURENSE. Centro Cívico A Cuña, do 4 ao 30 de novembro.
RIO MOLDAVA
Capital da República Checa. Noutros tempos capital do Reino de Bohemia.
Arquitectura, música, literatura, historia, cultura… Praga está considerada unha das cidades máis fermosas do mundo, Praga sorprende polo ben coidadas que están as prazas, as rúas e os edificios do casco histórico, que é Patrimonio da Humanidade…
Praga está chea de lendas, de soños, e de parellas de namorados que cruzan o río Moldava pola Ponte de Carlos, collidos das mans, e sentindo dentro o rebulir das bolboretas eternas…
Estas fotos son un humilde intento de amosar unha pequena parte da enorme fermosura de Praga.
Juan Rúa
Camba (Laza) 1969
Gústame vivir despacio, andar a pé, observar as cousas a modiño buscándolles a alma…
E tamén me gusta facer fotos. Cando teño a cámara nas mans o tempo desaparece: non existe nin o pasado nin o futuro, todo é presente que se vai voando. Miro, encadro, disparo… e noto como unha ledicia fonda me percorre por dentro. Cando estou facendo fotos son feliz.
Formo parte da Asociación O POTIÑOS.
E participo no Outono Fotográfico dende o ano 2007.