PONTEVEDRA, Pazo da Cultura, do 27 de setembro ao 17 de novembro.
SANTIAGO DE COMPOSTELA, Galería Sargadelos, do 5 de decembro ao 30 de xaneiro de 2014.
S/T_Punta de Bazar
Horizontes. Mirar, experimentar, sentir. Todo isto e máis agóchase baixo a proposta de Juan Adrio, baixo a percepción dunha natureza que nos empequenece ante a súa dimensión, pero sobre todo ante a magnitude da súa beleza e as súas ocultas evocacións. Juan Adrio colócanos ante eses miradoiros en que se converten cada unha das súas imaxes, para que nos deamos conta do que se abre ante nós, pero tamén para abrirnos cara nós mesmos. Nunha primeira serie de imaxes, pertencentes ao proxecto ‘Finisterrae’, o autor xoga coa amplitude de mares e ceos, para que desfilemos por uns horizontes cunha liña que parece dispersarse nunha loita de territorios suscitados por mareas e nubes, unha experiencia xurdida da visión do artista, trasladada a nós dende ese punto de vista no que nos coloca, como se fósemos nós os que accionásemos o disparador da cámara na conquista do instante desexado. Instantes como os que se suturan sobre un lenzo para sintetizar esas miradas fragmentadas dende a costa nunha sorte de recuperación da memoria vivida á hora de conseguir cada unha desas imaxes que agora, unidas, configuran unha única mirada. E por último… as palabras. Asomados a eses vastos horizontes quizais o que menos sintamos sexa a necesidade de pronunciar palabras, absortos como estamos ante o espectáculo proposto, de aí que o silencio pareza formar parte daquelas imaxes pertencentes á primeira das series, pero as palabras buscan o seu lugar e o efecto logrado por Juan Adrio na terceira desas variacións paisaxística fainas emerxer deses fondos de ceo e mar suscitados ámbolos dous dende unha premeditada medida. Palabras que se mergullan no interior do ser humano aludindo á súa relación co mundo, con aquilo que o rodea, e que normalmente permanece afastado desa natureza tan fascinante como conmovedora. Nalgún momento poderán casar ámbalas dúas realidades? É posible que só a arte coa súa capacidade de suxerir e de sintetizar percepcións sexa quen de conseguilo, de permeabilizar ambas situacións para que conflúan nunha experiencia visual como a que aquí se propón. Actualiza Juan Adrio desta forma ou formas a percepción romántica da natureza que, durante séculos, leva prendida na historia da arte. Aquela visión cauterizada ao través dunha presenza humana diante da ingravidez crepuscular substitúese agora, pensemos na recorrente visión para estes casos da obra de Caspar David Friedrich, pola nosa mirada, pola percepción directa dunha natureza exhibida en momentos de tensión, en axitadas situacións que derivan en descubrimentos como os aquí presentados. Reactiva Juan Adrio aquela tarefa básica do artista romántico descrita por Rafael Argullol no imprescindible ‘A atracción do abismo’, como a «liberación da potencia poética oculta no inconsciente». Ben sexa dende a contemplación directa da natureza ou a través da sublimación deses pensamentos interiores, o noso protagonista somérxese nas sombras, as de alí e as de aquí para, como consigue cos seus horizontes, disolver esa fina liña que separa ambas realidades co fin de «indagar na torrencial riqueza das sombras», retomando de novo as palabras do filósofo e profesor de estética.
Juan Adrio
Pontevedra 1971
Vive e traballa en Santiago de Compostela. É licenciado en Belas Artes na Facultade de Pontevedra e traballa na súa tese de doutoramento. Foi profesor de Fotografía Artística na Escola Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense desde o ano 1999 ata o 2012 e na actualidade traballa na Escola Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
Expón regularmente desde o ano 1999, destacando as súas últimas mostras individuais na Galería Volter de Ourense en xaneiro de 2012 e na Sala Alterarte de Ourense no 2011, na Galería Art Window de Barcelona en outubro de 2007 e na Galería A Suite de Barcelona en 2005; así como en diferentes exposicións colectivas, como Plan de rescate 2012 do espazo Elefante 330 de A Coruña, a da Galería Ágora 3 de Sitges en febreiro de 2008, na Marmara Faculty of Fine Arts en xaneiro de 2008 e Arte en Pontevedra V en 2006. A súa obra está presente, entre outros espazos, na Feira Internacional de Arte Contemporánea de Marbella (2006), na Feira Internacional de Arte Contemporánea de Estrasburgo (2007) ou no Salón d’art de Barcelona –BART– (outubro de 2008).
En 2012 acadou o segundo premio no Premio Fundación Aena de Fotografía. A obra premiada pasou a formar parte da Colección Aena de arte contemporánea, participando en Air-port- photo, exposición colectiva de dita colección, que se atopaba dentro da sección oficial de Photoespaña 2012.