José Romay NO GRANDE AZUL

FERROL, Exponav, do 28 de outubro ao 30 de novembro.

joseromay

Costa da Morte. Océano Atlántico. 2009

No curto período no que fotografei os traballadores do mar interesábame mostrar as características do seu estilo de vida e, polo menos, tratar de evocar os sentimentos de illamento, dureza e melancolía que eu sentía cando estaba con eles, ou que eu cría que eles sentían. Por iso non considero este traballo como un exercicio de fotografía editorial, aínda que sirva dentro dese mundo segundo os ollos do editor que desexe “destripalo”. Aquí non se ven cores chamativas e descricións visuais de distintas especies de peixes, nin fotos con roupas de traballo amarelas e laranxas que seguro se verían en Geo ou National Geographic. A algúns dos mariñeiros cos que máis tempo me relacionei cheguei a explicarlles as miñas intencións, algúns entendéronas, uns disfrutaron dos seus retratos cando llos din, contándome eles, que nunca ninguén os retratara desa maneira. Outros dicíanme ao despedirnos que se eu quería mandábanme fotos que tiñan feitas por eles durante moitos anos, por se me valía algunha… E con outros moitos non cheguei a falar desas cousas pois a miña visita foi moi fugaz. Aínda que houbo certos detalles que vivín en común en todos os barcos: a algúns notábaselles gran satisfacción por ter unha visita que rompera a rutina. Ningún patrón me deixou pagar nin un só euro de comida e en todos os barcos recibín parte do quiñón da pesca que sempre me obrigaron a levar para casa. Incluso nunha sesión dunha noite na que o barco non pescara case nada.

 

José Romay
Sanxenxo 1978
Estudei fotografía na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense e Belas Artes na Universidade de Vigo, en Pontevedra.
Traballei en prensa diaria para La Voz de Galicia, Diario de Arousa, Diario de Pontevedra.
Publiquei o meu traballo documental en diversas revistas nacionais e internacionais e expuxen en multitude de exposicións individuais e colectivas.
En 2009 publiquei o libro No Grande Azul, documental sobre a vida e o traballo da xente do mar.
Compaxino proxectos de fotografía documental a longo prazo coa docencia fotográfica e encargos comerciais.

Share on FacebookTweet about this on Twitter