Ian Waelder COVER

SANTIAGO DE COMPOSTELA, Espazo Miramemira, do 6 de se­tembro ao 1 de novembro.

Curador: Ángel Calvo.

ianwaelder

Dog

O traballo de Ian Waelder (Madrid, 1993) bebe da fotografía como necesidade. Sen o lastre dunha intención plástica que a priori condicione o seu xeito de disparar, tira das instantáneas que marcaron e rexistraron épocas que asociamos inevitablemente cos seus captadores, coa ollada das figuras que as inmortalizaron. Tira do subcultural como campo no que se desenvolve como individuo.
Obsesivo coas súas ferramentas de traballo, semella que o analóxico é o campo no que Waelder atopa a razón para captar o instante. Estas convértense, máis que no medio, na razón. O risco do revelado, a posibilidade de que a imaxe non corresponda co pretendido e toda unha serie de probables incidentes que o dixital fixo esquecer é a fina liña pola que este artista transita.
De influencias concretas indeterminadas, á súa curta idade Ian Waelder cata de tódalas fontes que a música, a literatura ou as artes plásticas lle brindan. A súa cidade chea de turistas ou a xente que o rodea polas rúas polas que a diario transita son os protagonistas dunha ollada sucia, dun desinterese pola pulcritude do resultado.
Conta Ian como se uniu a unha compañía de circo que pasou por Palma de Mallorca, viaxando con eles ata Alemaña e volvendo a casa cando comezaba de novo o curso escolar. Ian Waelder simplemente ten algo que contar e pouco a pouco o seu xeito de contalo vaise definindo. Probablemente esa sexa a maior das carencias do crecente número de estudantes de artes, a falta de algo que dicir.
O traballo comeza a dar uns interesantes resultados. Con imaxes producidas de maneira industrial, as súas fotografías perden en ocasións o papel principal e dispóñense fracturadas, pregadas ou mesmo ocultas entre armazóns de madeira que pretenden esa tridimensionalidade que a fotografía loita dende as orixes por acadar.
Sobres pechados que por medio do correo ordinario chegan ao espazo expositivo e que agochan no seu interior a imaxe dobrada en tantas partes como sexa preciso.
Tralo despregue, disposta sobre a parede, comeza a viaxe de desgaste que a vai levar aos diferentes espazos polos que transite, acumulando sobres dentro de sobres que relatan a memoria feble da súa peregrinación.
Abrir, pechar, pregar ou despregar son as accións que caracterizan esta viaxe. A intención é ben simple, contar algo dun xeito desenfadado e coa vitalidade dun rapaz de vinte anos que sae ás rúas -ben sobre un monopatín ou tralo visor dunha cámara fotográfica- para rexistrar o que a súa xeración aínda non foi quen de analizar. Tampouco hai moito máis que teorizar, non é o obxectivo noso fixar as pautas dun traballo que está arrancando. Que non fixo máis que comezar.

 

Ian Waelder
Madrid 1993
Ian Waelder naceu en Madrid en 1993 pero trasladouse con só un ano a vivir a Mallorca. Criado nunha familia cunha patente inquedanza polas artes, o seu acceso a estas foi máis doado e descubriu a fotografía moi cedo. Malia que actualmente segue a cursar estudos de bacharelato, o seu traballo no campo das artes pasa por unha envexable forma que conta cun bo número de mostras colectivas realizadas en diferentes certames de novos artistas na súa comunidade, así como dúas colectivas nas sedes que a galería Louis21 ten en Palma de Mallorca e Madrid. No espazo que esta galería ten na cidade de Palma, e coincidindo co certame PalmaPhoto, Ian Waelder realizou neste ano 2013 a súa primeira exposición individual, acadando moi boas críticas por parte dos medios especializados e destacándoo con só vinte anos como unha das promesas da puxante arte mallorquina.

Share on FacebookTweet about this on Twitter