Xosé Piñeiro Priegue «Esteirán» e José Vázquez Arias «Rizo» UN ESTUDO CHAMADO GALIZA: A MODERNIDADE A TRAVÉS DAS IMAXES

VIGO. Centro Sociocultural Novacaixagalicia, do 17 de decembro ao 25 de xaneiro.


Xosé Piñeiro Priegue «Esteirán»
ARQUIVO ESTEIRÁN. 1966-1977

Curadoras: María Esteirán e Sabela López Pato.

esteiran

Campaña do berberecho, malecón de Noia, 1975.

María Esteirán, filla de Xosé Esteirán, recolle nesta mostra unha pequena escolma do traballo realizado polo fotógrafo entre 1966 e 1977. Trátase dunha primeira cata no arquivo do fotógrafo, que abrangue máis de catro décadas. A selección oscila entre o retrato individual e a ocupación do espazo público: rondallas, eventos deportivos, etc., pero tamén amosa a actividade marítima e pesqueira nos portos e a exhibición do poder.
Hoxe, no marco do “Outono fotográfico” e grazas á financiación do Concello de Noia e ás achegas individuais de máis de trinta persoas, entre veciños de Noia, compañeiros de profesión de Xosé Esteirán, xente da cultura e amigos, sae á luz un fotógrafo de oficio,  autodidacta, que, como a maioría dos fotógrafos locais da época, empregaba os recursos que tiña á man, pero que destaca pola atención e o esmerado coidado nos retratos de grupo, así como pola súa capacidade para mirar «entre-portas», para explorar os bordos do que acontece diante da cámara, que abre o obxectivo, durante a visita dunha dignidade eclesiástica a unha escola, e documenta o aspecto xeral dunha aula a comezos dos setenta, ou que nos deixa imaxes do que ocorre na cociña durante a celebración dun banquete de voda. A súa é unha perspectiva xenerosa co mundo e coa xente.

 

Xosé Piñeiro Priegue Pepe Esteirán, 1930-2002
Nace en Esteiro, pero tras o servizo militar, á idade de 26 anos, asume as rendas do negocio familiar e trasládase a Noia, vila na que seu pai, Maximino, xa se establecera como fotógrafo na década dos corenta. O periplo familiar coa fotografía comezara anos antes, nas feiras, onde Maximino acudía como tratante de gando e aproveitaba as transaccións para realizar retratos e complementar así os seus ingresos.
En 1956, ano no que Esteirán se instala en Noia, a difusión da fotografía de carné permite a expansión do negocio, que agora abarca retratos de estudio, vodas, bautizos e todo tipo de eventos. Durante anos percorreu en moto a comarca coa súa cámara, chegando a ser un personaxe moi querido. Dende os noventa colaborou como reporteiro gráfico en El Correo Gallego, actividade que seguiu realizando ata outubro de 2002, ano do seu pasamento.
A conservación do seu arquivo debémoslla a Pilar Pérez Santos, con quen casou en 1969 e que durante anos se ocupou da administración do negocio. Hoxe as súas fotografías saen á luz grazas ao traballo da súa filla, a tamén fotógrafa María Esteirán.

 

 

José Vázquez Arias «Rizo»
TRES DÉCADAS DE IMAXES PRODIXIOSAS. OURENSE C.A. 1940-1975

Curador: Antón Piñeiro.

rizo

O FILLO DO MUIÑEIRO QUE RETRATOU A CARA AMABLE DUNHA ÉPOCA

Naceu, Xosé Vázquez Arias “Rizo”, no lugar de Casasoá, pertencente á parroquia de San Xoán de Camba, no concello de Castro Caldelas, o día 16 de febreiro de 1917, no seo dunha familia labrega e traballadora coma tantas outras familias espalladas ó albedrío propio da súa idiosincrasia polas pequenas aldeíñas da provincia de Ourense.
O pai, Antonio Vázquez Castro, ademais dos labores propios do campo que compartía coa súa dona Asunción Arias Méndez para garantir humildemente a supervivencia da familia, rexentaba tamén un muíño alimentado por algunhas das moitas augas que conflúen finalmente no Sil, non sen denantes definir as corgas da xenerosa orografía caldelá.
O neno Xosé resultou ser o terceiro fillo dunha árbore familiar que había acabar contando con media ducia de pólas. É dicir, Consuelo, Concha, Pepe, Paco, Adolfo e Nieves. Unha árbore que empezou a crecer sen que se dera ningún outro precedente no mundo iniciático da fotografía máis có dun tío residente na veciña aldea de San Martín, tamén en Castro Caldelas, que si mantivera ó longo da súa vida unha dedicación máis ou menos profesional a este negocio emerxente, pero co que Xosé non chegou a ter contacto directo, pois cando el decidiu que iso de capturar o “instante decisivo” ía ser o seu modo de vida, xa o pioneiro da familia tiña desaparecido.
Conta a súa irmá Nieves –a única dos seis irmáns que aínda vive– que, fora por esa causa directa ou por outra que ela descoñece ou non lembra, o caso é que Xosé decidiu un día –moi novo aínda– que o oficio de muiñeiro non ía con el e que había ser a fotografía a que o había sacar daquel mundo iniciático que se movía entre as sombras do pé do río, as leiras de Casasoá e as canellas da vila de Castro Caldelas.
Porque non hai papeis que así o testemuñen e porque a octoxenaria memoria de Nieves loxicamente xa non dá esculcado nun fondallo tan neboento, non queda claro cómo foi que tomou contacto con este oficio, aínda que si sabe que as primeiras nocións recibiunas en Ourense, ademais de no Ferrol e supostamente en Vigo. E, moi probablemente incluso, nos tempos do servicio militar a onde debeu chegar denantes de que rematara a Guerra Civil, posiblemente no ano 1938.
Unha Guerra Civil que o marcaría profundamente, non xa pola crueza propia do conflicto bélico, senón porque un ataque inesperado na fronte de batalla estivo a piques de acabar con el e só o paradoxo de que o tomaran por morto no medio do batallón caído o salvou dunha morte segura.
“Salvouno da morte, pero mudoulle o carácter, pois o Pepe que veu da Guerra non volveu ser nunca o mesmo”, segundo unha afirmación que repite Nieves con insistencia, “por moito que para a xente que non o coñeceu denantes, fora unha persoa ben dada para a conversa, ás bromas e a relación social”.
Desta pasaxe formativa fala o xornalista Xosé Manuel Rodríguez no libro “As feiras do Rizo” publicado polo Concello do Carballiño no ano 1989 con fotografías procedentes do Museo Arqueolóxico provincial de Ourense, de tal xeito:
“No principio dos anos 40 marchou a Monforte para aprender o oficio con Vila. Pasou pouco tempo ata que voltou e fixo de Casasoá o seu estudio, plasmando coa máquina todo aquilo que excitaba a súa imaxinación: Xentes, paisaxes, modelos familiares, etc., constituirán o primeiro exame dos seus recén adquiridos coñecementos.
Castro Caldelas quedáballe cativo ás inquedanzas daquel mozo fotógrafo e decide ir traballar a Bilbao. (…) Pouco máis coñecemos da súa singradura vasca.
A mediados da década dos anos 40 aparece en Ferrol traballando para Unifar. Está pouco tempo na cidade departamental, aínda que desenvolve un gran traballo, tanto na rúa como no laboratorio.”
Cando volveu desta aprendizaxe –e tal vez da guerra–, Xosé instalouse nun pequeno local de Castro Caldelas e empezou a fotografar todo canto obxecto en movemento pasaba por diante da súa cámara. Ata o punto de que durante as feiras do Castro acabou botando man de dous axudantes. Un deles sería un seu familiar, Orencio, que tamén acabaría dedicándose á fotografía en Ourense. O outro sería en realidade “outra”, é dicir, unha veciña da aldea de Castrelo, preto de Sas de Penelas, que debeu ser a primeira muller fotógrafa –ou cando menos, unha das primeiras– da provincia de Ourense.
Tanto o tempo transcorrido dende a súa desaparición como a fonda carencia de datos orais ou documentais próximos ó entorno familiar ou profesional do Rizo, non nos permiten achegármonos nitidamente ás razóns persoais que o encamiñaron cara o oficio de retratista de exterior –de moderno “minutero”– e non ó de retratista de estudio, que seguramente había ser máis cómodo, pero moito máis pobre no campo da relación social que a el sempre lle gustou alimentar ó seu carón.
O que si sabemos é que o alcume do Rizo, co que acabou gravando as placas fotográficas e dándolle personalidade propia ás súas fotos, herdouno do seu avó e non tiña máis segredo có da enrolada cabeleira que a xenética lle fora dando, xeración tras xeración, ós Vázquez de Casasoá de Castro Caldelas.
Como tamén sabemos, pola inxente herdanza gráfica que deixou gardada en infinidade de álbums familiares de toda a provincia, que tan pronto se decatou da aceptación que tiñan as súas fotos nas feiras de Castro Caldelas, logo tentou ampliar os horizontes cara outros lugares da súa inmediata e non tan inmediata xeografía, tomando como centro de referencia a cidade de Ourense, onde chegou a contar cun estudio no número 11 da rúa de Lepanto.
Evidentemente, os tempos eran propicios para a ambulancia, xa que logo, as feiras repartíanse por todo o calendario mensual e por todo o mapa ourensán dunha forma harmonizada, cousa que lle permitía encher de imaxes carretes e carretes en todas elas e logo volver de novo ós lugares onde as fixera para vendérllelas ós protagonistas.
Lugares como Allariz (que celebraba feiras os días 1 e 15), Castro Caldelas (3 e 18), Maceda (4 e 20), a propia capital (7 e 17), Vilar de Barrio ou Maside (9), Ribadavia (10 e 25), Bande (13 e 28), Xinzo de Limia (14 e 27), O Carballiño (16), A Merca (26) ou Celanova (cos mercados semanais dos xoves, ademais da feira do 29), foron espacios por el percorridos unha e outra vez durante máis de dúas décadas, á captura de infinidade de situacións sociais que constitúen, sen lugar a dúbidas o verdadeiro retrato dunha época.
E, cando os días engrandecían e o verán ourensán estoupaba en festas e romarías, entón o Rizo mudaba o traxe de faena polas roupas de domingo e dedicábase a percorrer as máis sonadas, xa tiveran lugar nos entornos urbanos das vilas, xa no escenario rural de pequenas ou non tan pequenas aldeíñas. Dende o temperán San Lázaro ourensán, ata a romaría setembreira da Saínza, en Rairiz de Veiga, o calendario estival era tan xeneroso ou máis có almanaque das feiras e permitía unha sucesión de excelentes pasarelas –tamén magníficas– para inmortalizar a xentes de aquí e de acolá que acudían a elas con toda a elegancia e toda a dignidade que lles permitía a humildade xeneralizada e os tempos de dificultade nos que o país sobrevivía.
A mecánica que utilizaba para facer da arte da fotografía o seu modo de vida, era a seguinte: Nas vilas máis grandes, tal como Allariz, O Carballiño, Xinzo de Limia ou Celanova, adoitaba alugar un pequeno escaparate dalgún negocio, ou encomendáballe a alguén a tarefa da venta directa das fotos e el dedicaba o día a disparar en canto a luz solar llo permitía. Logo, levaba as películas impresas a Ourense, dedicándolle un tempo ós labores do revelado (normalmente en tiras de dúas, tres ou catro fotografías repetidas) para despois penduralas do escaparate desta ou aquela vila, no mercado ou na feira seguinte.
A fama do fotógrafo chegou a ser tal que os negocios das vilas onde o Rizo penduraba as fotos acabaron por converterse en pequenos santuarios iconográficos ós que acudían mozos e mozas, novos e vellos, en verdadeira romaría, co fin de ver o resultado daquela inesperada instantánea que a semana anterior o Rizo lles roubara ou aqueloutra estudiada escenificación que el mesmo provocara entre os grupos de amigos e amigas para inmortalizar o feliz momento.
Dotado dunha comunmente aceptada facilidade para as relacións humanas e para a conversa, aí era onde radicaba gran parte do seu segredo para captar o momento máis natural, tanto en nenos, coma en mozos, coma en vellos, e para facer que a presencia da cámara non lle restase espontaneidade ó instante.
Velaí, con qué vimbios foi quen de retratar a cara amable dunha época na que a dureza da vida do campo e a saudade da emigración non foron suficientes para ocultar a necesidade de procurar uns intres de felicidade ó que, incluso naqueles tempos, a xente tiña dereito.
Esta andaina debeuna empezar (ou polo menos desta época parecen ser os primeiros rexistros gráficos que se conservan) a principios dos anos anos 40, alongándoa ata os inicios dos anos 70 cando xa compartía esta actividade coa de propietario dunha granxa na aldea de Casasoá, onde nacera.
O Rizo non casou. “Iso non é negocio”, seica acostumaba a afirmar, segundo a memoria da súa irmá Nieves. O cal non obstou para que, sen terlle coñecido ningunha relación –digamos– oficial, non deixara de demostrar ó longo da súa vida unha querencia especial polo sexo feminino, cousa que deixaba entrever moi ben á hora de elixir ás “víctimas” do seu obxectivo, sobre todo aquelas que capturaba nas festas ou romarías, pois raramente eran mulleres pouco atractivas.
Morreu, Xosé Vázquez, un día de primavera –o 15 de abril de 1975– no mesmo lugar de Casasoá no que nacera, tan só cincuenta e oito anos atrás.
Isabel Castro, unha veciña desa mesma aldea, lembra que o día anterior “trouxera callos de Ourense para que os prepararamos na casa”. Aquel día 15 levantouse pola mañá e foi atender a granxa. Na casa de Isabel estiveron agardando por el ata ben cumprido o medio día, pero “o Rizo non chegou a xantar, entón empezamos a preocuparnos porque o coche non o movera e cando entramos na granxa, xa o atopamos alí sen vida”.
Nieves residía, daquela, fóra de Ourense e, polo tanto, non tivo coñecemento directo dos detalles. Sen embargo, malia que nalgures o ruxe-ruxe da veciñanza quixo suxerir a posibilidade dunha morte intencionada, o médico de Castro Caldelas que certificou o óbito, don David Fernández Caneda, aseguroulle á súa irmá “que foi unha morte natural a que no lo levou antes de tempo”.
Unha morte que, sen embargo, nunca será tal en canto nalgunha casa galega alguén siga alimentando a nostalxia ou se siga emocionando, mesmo coma se estivera gozando dunha lambetada, ó reparar nalgunha daquelas fermosas “galletas” do Rizo.

Antonio Piñeiro

Share on FacebookTweet about this on Twitter