Ignacio Castro ‘Nachok’, Caxigueiro, Eduardo Estévez e Ernesto González Torterolo FÓRA DE CAMPO

OURENSE, Galería Visol, do 3 ao 19 de decembro.

Curador: Ignacio Castro ‘Nachok’.

foradecampo-nachok

S/T_2, Ignacio Castro ‘Nachok’

«(…) o campo fotográfico defínese como o espazo representado na materialidade da imaxe (…) Pero a comprensión e interpretación do campo visual presupón sempre a existencia dun fóra de campo, que se lle supón contiguo e que o sustenta. (…) Sen dúbida, o fóra de campo e a ausencia son elementos estructurais nunha interpretación ou lectura da representación fotográfica (…)».

López Lita, Rafael… [et al.], www.analisisfotografia.uji.es, «Popuesta de modelo de análisis de la imagen». Universitat Jaume I, 2004.

A exposición fóra de campo nace como un proxecto colectivo co que se pretende reflexionar e crear ao redor da fotografía e os seus límites.
O grupo formado por Caxigueiro, Eduardo Estévez, Ernesto González Torterolo e Nachok, propón un achegamento a esta disciplina explorando as posibilidades que poden ofrecer outras linguaxes artísticas (pintura, escultura, videocreación e poesía) na procura de lecturas menos convencionais.
Nesta mostra a fotografía é un pretexto para mirarse ao espello, a esa instantánea que reflicte tanto os conflitos persoais como os sociais, que o mesmo seduce, que provoca ou documenta.
fóra de campo é unha iniciativa que aspira dende unha ollada periférica e contemporánea a intervir unha arte que forma parte das nosas vidas.

 

Ignacio Castro ‘Nachok’
A súa obra baséase na inmediatez e no cotiá. Foi seleccionada en diversos certames (Artes Plásticas Cidade de Lugo, Auditorio de Galicia, Internacional Deputación Ourense, Na Vangarda, Novos Valores, Outono Fotográfico, Museo de Lugo). Participou na intervención artística Entolearte (Psiquiátrico Castro Ribeiras de Lea).

Caxigueiro
Mondoñedo 1955
A súa obra reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura, fotografía, poesía etc). A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de punto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a Arte.

Eduardo Estévez
Buenos Aires 1969
Escritor. Ten publicada preto dunha ducia de libros de poemas polos que obtivo diversos recoñecementos. Destacan lúa gris (Premio Tivoli Europa), derrotas (Premio Concello de Carral) ou construcións. É autor de diversos proxectos na web como luagris.net (hoxe desaparecida) en construción ou esca e pedra. En fotografía: exposición os veos da paisaxe (Sargadelos-Ferrol 2009).

Ernesto González Torterolo
Montevideo 1974
Licenciado en Bioloxía (Santiago de Compostela) e Belas Artes (Pontevedra). Profesor de Debuxo e Artes Plásticas de Ensino Secundario en Pontevedra.
Participou en diferentes exposicións e proxectos artísticos colectivos, destacando: 2012: EntoleARTE. Proxecto artístico multidisciplinar organizado polo Museo Provincial de Lugo no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico San Rafael. Castro Ribeiras de Lea, Castro de Rei. / 2009: Kaldarte. Proxecto de arte pública. Caldas de Reis. (Como membro de Explolab, Laboratorio de Creación Artística, Aprendizaxe e Investigación Cooperativa. Universidade de Vigo, 2006-2010.) / 2008: A pel dos sentidos. Museo Provincial de Lugo. Lancôme con grelos. 8 receitas artísticas galegas. Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e Centro de Arte Joven de la Comunidad de Madrid (2007). / 2007: Grafos e matemas. XXIX Bienal de Vilanova de Cerveira, Portugal. / 2006: Entrecruzar. Publicación do Encontro-Feira do Proxecto Edición. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, CGAC, MARCO e Fundación Luis Seoane. Ant_art. Proxecto de arte en prensa do semanario A Nosa Terra. A Nosa Terra nº1.231. / 2003: Prototipos, Malas Artes 03. Sala dos Peiraos, Vigo. / 2001: Identidades feridas. Da arte na doenza. Fundación Laxeiro, Vigo.
Expuxo individualmente na Sala Alterarte do campus de Ourense da Universidade de Vigo (Xenética da paisaxe, 2005).
Seleccionado en distintos certames (IV Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas e IV Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense, 2005), recibíu a Bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2006) e a XI Bolsa de Paisaxe Fundación Mondariz Balneario (2007).

Share on FacebookTweet about this on Twitter