Duarte Amaral Netto, Fernando Bayona, Bubi Canal, Félix Fernández, Miguel Ángel Gaüeca, Valentín Jaramillo, Jesús Madriñán, Julia Montilla, Marta Moreiras, Rosa Muñoz, Gonzalo Pérez Mata, Florencia Rojas, Ixone Sádaba, Sandra Torralba, Marta Soul, Damián Ucieda, Cecilia de Val e Rocío Verdejo DON’T LOOK AT MY CAMERA

BRAGA. Museu da Imagem, do 9 de novembro ao 5 de xaneiro de 2014.

Curador: Vítor Nieves.

dontlookatmycamera-rosamunoz

Una lección de anatomía, Rosa Muñoz

«Non mires á cámara» é probábelmente o que o fotógrafo-escenógrafo diría aos que posan momentos antes do click, logo dun minucioso traballo de atrezzo e iluminación que definen as pezas que conforman esta mostra. En todas elas, sabéndose o director ou directora dun único frame do filme que crean, dan ordes a todo canto elemento visual entra en plano, nomeadamente ás persoas, escollidas para representar un papel.

O título da exposición fai referencia ao vínculo que se establece entre o fotógrafo/a e o fotografado/a e evidencia a escenificación da imaxe. Queda, pois, latente a pegada do artista na súa obra, máis que en calquera outro estilo fotográfico, xa que os códigos da Fotografía Escenificada, ou Staged Photography, levan ao propio artista, na maioría dos casos, a autoretratarse, concedéndose o privilexio de formar parte do mundo que crean, e, nalgúns casos asegurando a súa propia permanencia na arte.

Ao longo do s. xx os fotógrafos da Nova Visión ou os surrealistas empregaron  a posta en escena fotográfica como un poderoso estilo criativo. Foron os precursores da denominada Fotografía Escenificada, termo que se comeza a empregar con certa normalidade e asiduidade na década dos oitenta do século pasado, paralelamente á intensificación do debate sobre a validez e o uso da fotografía documental, pois é nese momento cando se toma conciencia de que, na fotografía, o límite entre realidade e fición é ben estreito. É entón cando este tipo de fotografía se diversifica e se afirma coma un xénero en crecemento exponencial*.

As fotógrafas e fotógrafos, convértense en escenógrafos, e deixan de captar a realidade para construíla, abrindo unha grande xanela cara a fición e poñendo en dúbida a noción mesma de realidade.

A cotío, na Staged Photography, empregouse como parte primordial para compoñer a imaxe, e imprescindíbel para artellar o concepto, aos e ás modelos. Por veces, é o propio autor ou autora a que interactúa e forma parte da súa propia obra, até tendo diversos papeis, asumindo identidades ficticias, outras, son actores, actrices, ou maniquís os que, baixo a dirección do fotógrafo, interpretan papeis, normalmente relacionados coa vida social, o status, a mitoloxía ou os soños.

Forma parte deste eido fotográfico, tamén aquela fotografía na que, non aparecendo o elemento humano, a escenificación é de espazos, habitáculos ou até cidades. É o caso de Thomas Demond (Munich, 1964) ou de James Casabere (EE.UU., 1953).

É posíbel que un dos precursores da Fotografía Escenificada sexa Oscar Gustav Rejlander (Suecia, 1813 – 1875) que en 1857 presentou publicamente a súa obra «Os dous camiños da vida» que era unha imaxe resultante de mesturar unha morea de negativos. Sen dúbida, a súa personalidade e a súa obra, foron quen de influír en Henry Peach Robinson (Inglaterra 1830 – 1901) que os historiadores da fotografía arquivan no capítulo do pictorialismo malia a ser un grande referente da Staged Photography.

Hoxe, a escenificación na fotografía, semella ser unha moda entre os contemporáneos, pero se debullamos na historia do medio, veremos como a fotografía é «escenificada» per se, e xa desde o seu nacemento, a escenificación xogou un papel importante e decisivo. O propio Hippolite Bayard (Francia, 1801 – 1887), considerado un dos pais da fotografía, autoretrátase morto, no que semella a representación do seu fracaso no intento de liderar a invención da fotografía.

A Fotografía Escenificada, goza na actualidade de ampla aceptación no mundo da arte, e grandes figuras traballan cos códigos propios do xénero que foi recollendo gramáticas da linguaxe publicitaria, da pintura ou do cinema. Por iso, moitos autores, traballan indistintamente nunha ou noutra disciplina, é o caso de Erwin Olaf (Holanda, 1959) e David Lachapelle (EE.UU. 1963) que ademais de ter un traballo artístico, fan fotografía de moda. Asemade, Lachapelle, ten feito varios traballos de dirección en producións audiovisuais. A aprendizaxe na iluminación e na dirección das escenografías e modelos, tamén lle valeu a Cindy Sherman (EE.UU, 1954) para traballar no cinema.

A Erwin Olaf, quizais o feito de ter o seu estudio de Ámsterdam nunha igrexa, e estar flanqueado por imaxinería relixiosa, exercera tal influencia que lle fixera reprantexar o seu traballo, que cada vez versaba máis sobre temas tan humanos como o sexo e a morte. O seu traballo é moi pictórico no conceptual, e moi cinematográfico no desenvolvemento. Algo moi visíbel na obra de Olaf, e extensible a moitos dos autores e autoras da Fotografía Escenificada é o sentido do humor que roza o kitsch, e, que en ocasións, resulta até iconoclasta. Asemade, o seu tema recorrente, nunha primeira época, é tamén común a moitos autores. O sexo, e a condición e tendencias sexuais, é o cabalo de batalla de moitos destes fotógrafos e fotógrafas, tanto, que nos estudios de arte de xénero, nomeadamente, aqueles vencellados aos sectores en defensa da homoafectividade, proclaman a Staged Photography como un xeito propio e exclusivo de comunicar.

Neste repaso rápido pola Fotografía Escenificada, é de obriga nomear a aqueles autores que, estando lonxe da publicidade, fan un traballo máis conceptualizado, como a devandita Sherman, ou Jeff Wall (Canadá, 1946), con toda unha declaración de intencións en cada imaxe que crea.

Pero a Fotografía Escenificada, tamén pode ser concibida para pór en dúbida os conceptos popularizados nos que se apoia a fotografía xornalística ou de documentación. É o caso de Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955) que en cada traballo acanea a fundamentación daqueles que aseguran que a fotografía retrata a realidade. Os seus proxectos, xa sexa inventando historias para lanzalas aos medios como reais, ou creando libros de documentación e arquivo de especies que nunca existiron, traballan cunha escenificación que ten por obxecto criar imaxes reflexivas sobre o propio medio.

Tamén é propio da Staged Photography, xa desde o surrealismo, a representación de mundos oníricos. Sirvan como exemplo dous traballos en dous extremos distantes: o de Robert & Shana ParkeHarrison (EE.UU, 1968), relacionado coa dialéctica propia de contos das crianzas, e o de Ouka Leele (Madrid, 1957) contaminado pola estética dun Madrid que acordaba logo dunha longa noite de pedra.

Ás veces, a visión occidentalista e androcéntrica da Historia da Fotografía, deixa fóra a autoras como a Condesa de Castiglioni (Florencia, 1837 – París, 1899) que, non sendo fotógrafa exactamente, recreaba con esmero escenificacións que ela mesma iluminaba para logo facerse retratar ao seu gusto por Pierre-Louis Pierson (Francia, 1822 – 1913). O seu traballo, de seguro, serviu de fonte ao de Grégory Creus (EE.UU. 1962)

Ao sentido crítico que, como se leva dito, se pon de manifesto na obra de Olaf, súmaselle certa vocación didáctica na obra de Carrie Mae Weems, unha fotógrafa, case descoñecida en Europa, que traballa con consignas do pobo afroamericano, nun discurso que dá coherencia aos diferentes e múltiples eidos fotográficos nos que traballa.

A característica intrínseca da fotografía de ser quen de documentar, é algo que en moitos países xa está en desuso, coma na China, onde o fotodocumentalismo é considerado como algo moi antigo. Un referente no xigante asiático é Yasumasa Morimura (Osaka, 1951) que consegue a redundancia da Fotografía Escenificada traballando no xogo da escenificación da escenificación. Partindo de imaxes que son iconas en occidente, e que foron escenificadas no seu día, reinterprétaas desde un punto de vista iconoclasta e cun humor oriental difícil de entender en occidente. A obra na que se ve unha clara reflexividade dentro da Staged Photography, é na que se autofotografa imitando unha fotografía de Cindy Sherman.

Don’t look at my camera está configurada con obras de varios autores e autoras moi diferentes entre si, pero que poñen de manifesto o que os une. O control da iluminación, a dirección de personaxes, a escenificación dos ambientes, e as referencias a longas historias que cada imaxe comunica, quizais revele que a Fotografía Escenificada, é produto do desexo por ter controlada unha realidade que se nos escapa, pero que podemos fotografar, logo nalgún momento foi realidade, malia ao carácter efémero.

* Momentos Estelares de la Fotografía del s. xx. Oliva María Rubio. Círculo de Bellas Artes de Madrid. Capítulo «Puesta en escena».

 

Duarte Amaral Netto
Portugal 1976
Iniciou os estudos de Dereito, transferíndose despois para o curso de Comunicación Cultural que concluíu en 2003 cando xa cursaba fotografía no Ar.Co. Neste ano tivo dúas exposicións individuais na Holanda (MK Galerie – Róterdam, e Nouvelles Images – Haia), e outra en Lisboa na Galeria Promontório como parte integrante do circuito paralelo da LisboaPhoto.
Foi tamén en 2003 que lle foi atribuído o Grand Prix du 48ème Salon de Montrouge, en París. Após a conclusión do Curso Avançado de Fotografia do Ar.Co, no 2000, comezou a traballar co Módulo – Centro Difusor de Arte, onde expón individualmente en 2002, 2005 e 2006.
Das súas exposicións colectivas destácanse en 2004: On Side, no Centro de Artes Visuais (Coimbra), e Casa de Luz, Fundación Foto Colectania (Barcelona); en 2005, Uma Extensão do Olhar, no Centro de Artes Visuais (Coimbra); en 2007, Homo Migratius, na Fundação Calouste Gulbenkian (Lisboa); en 2009, Identity in Motion, na MK Galerie (Berlín); e en 2010, Impressións e Comentarios – Fotografia Contemporânea Portuguesa, na Fundación Foto Colectania (Barcelona) e Do outro lado do Atlântico, no Centro de Artes Helio Oiticica (Rio de Janeiro).
Imparte aulas no Curso de Fotografia do Instituto Politécnico de Tomar desde 2003 e é representado pola Galeria Baginski (Lisboa) onde presentou en 2010 Do que nos lembramos quando nos lembramos de nós. En 2012 foi nomeado para o premio BES PHOTO 2012.
www.duartenetto.com

Fernando Bayona
Montizón, Jaén 1980
Vive e traballa entre Madrid e San Francisco. É Doutorado en Belas Artes pola Universidade de Granada. Máster en Fotografía e Deseño Visual pola Universidade NABA de Milán.
Ademais de innumerables colectivas, fixo varias exposicións individuais como El cuerpo (in) subordinado dentro de PhotoEspaña, Madrid; What never was na Bienal de Fotografía de Córdoba; Circus Christi na Kir Royal Gallery de Valencia; Short cuts na Galería La Casa Rosa de Málaga, How can I explain it you? no MUVIM (Museo Valenciano Ilustración y la Modernidad); Erwin Olaf & Fernando Bayona no Centro de Arte Contemporáneo de S. Moritz, Suíza; entre outras.
Obtivo varias bolsas como a Noestudio (Madrid), Producción Bienal de Fotografía (Córdoba), Addaya (Mallorca), Cidade da Cultura (Compostela), BSI (Suíza), EBERHARD (Milán) entre outras.
www.fernandobayona.com

Bubi Canal
Santander 1980
É un artista plástico que vive en Nova Iorque. Bubi lévanos a mundos imposíbeis cheos de emocións e personaxes misteriosas. A súa obra combina varios medios e métodos artísticos, incluíndo fotografía, vídeo e escultura, e trata temas recorrentes como os desexos humanos, os soños, o máxico, e o amor.
A súa obra foi exposta internacionalmente en museos e galerías como o Centre Pompidou en París, La Casa Encendida en Madrid e Munch Gallery en Nova Iorque.
www.bubicanal.com

Félix Fernández
Lugo 1977
Artista multidisciplinar. Licenciado en Belas Artes. Os seus proxectos foron bolsados por Gas Natural Fenosa, polo Centro Coreográfico Galego, a Comunidade de Madrid, a Casa Encendida e o INJUVE.
Foi premiado por diversas institucións e festivais, entre elas a Casa de Velázquez, Festival de Cine de Ourense, Festival Rendibú e o Festival Canarias Mediafest. A súa obra exhibiuse internacionalmente en cidades como Berlín, Nova Iorque, Washinton DC, Túnez, París, Bucarest, Texas, Roma, Seatle, Bogotá, Caracas, Hannover, Helsinki, Tokio e Pekín, entre outras.
www.felixfernandez.org

Miguel Ángel Gaüeca
Bilbo 1967
Formado na Facultade de Belas Artes de Bilbo, Universidade do País Vasco, na especialidade de escultura.
Alén dos seus obxectos e esculturas, as súas fotografías decorren nunhas sofisticadas postas en escena, glamourosas e inquietantes, próximas ao mundo do deseño, a publicidade e a moda, incluíndo textos e logotipos. Porén están presentes resortes que cuestionan criticamente o rol do artista, da obra, e da función social da arte na actual sociedade de consumo masivo.
A súa obra atópase representada en importantes coleccións como o Museo Centro de Arte Dos de Mayo, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ARTIUM de Gasteiz (Araba), Fundación Coca-Cola ou a Colección Circa XXPilarCitoler.
www.gaüeca.com  |  www.espaciominimo.net

Valentín Jaramillo
Zafra, Badaxoz 1982
Licenciado en Belas Artes e Doutorando pola Facultade de Castela-A Mancha. Participou en varios proxectos de I+D co grupo ARTEA de artes escénicas. Obtivo bolsas como a Sicue, Séneca na Universidade Complutense de Madrid, a Beca Francisco Zurbarán no 2010 ou a Beca de investigación do Museo de Arte Abstracto de Cuenca.
Destaca nas seguintes exposicións individuais: Momentos na Galería Bus Station Space de Compostela, Situaciones na Galería María Llanos de Cáceres ou Espacios na Deputación de Cuenca.
Ademais participou en diversas colectivas como Intergeneracionarte en Cáceres, 2×2 Visiones de otro mundo, Emergentes da Wabi Sabi Shop & Gallery de Sevilla, ou Verde no Museo de Arte Contemporáneo Fernando Picornell de Albacete.
A súa obra estivo presente en eventos como Foro Sur, Justmadrid, Artfair, Foconocerte (Santander), Fotoarte09 (Gasteiz), ou Videofronteras.
Obtivo o primeiro Premio Emergentes de Sevilla, a mención de honra en SegoviaFoto11, o segundo Premio do XXII Certamen de artes plásticas Fernando Zobel, o premio en Miradas de Guadajoz no 2011, entre outros.
www.valentinjaramillo.com

Jesús Madriñán
Compostela 1984
Conta con destacadas exposicións individuais como En branco (Zona C, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela), Looking for Something (We Are Arts Gallery, Londres) ou as dedicadas á súa serie Good Night London nos Centros Culturais de España en México e Uruguai.
Participou en numerosas mostras colectivas de festivais como Photoespaña 2013, os International Photography Awards de Nueva York, ou a Bienal de Fotografía Latinoamericana Fotograma de Montevideo.
O seu traballo foi premiado no Fotomuseum Winterthur de Suíza, no Festival Internacional das Artes Visuais Emergent, e no Festival de Fotografía de Granada, entre outros. Ademais, foi nomeado ao Premio Foam Paul Huf 2012 de Amsterdam, e recibiu o Premio Laszlo Foundation da Royal Society of Portrait Painters do Reino Unido.
Publicou en revistas especializadas como Tendencias, NEO2 e 30y3 Spanish Photography, ademais de colaborar con The New York Times como fotógrafo freelance. Na actualidade é un dos artistas seleccionados para a exposición Contexto Crítico. Fotografía Española del s. XXI, curada por Rosa Olivares e organizada polo Ministerio de Cultura, que se presentará no espazo Tabacalera de Madrid a finais de 2013.
www.jesusmadrinan.com

Julia Montilla
Barcelona 1970
Licenciada en Belas Artes e Máster en Produción Artística e Investigación pola Universidade de Barcelona, onde actualmente cursa o seu doutorado.
Entre as súas exposicións destacan mostras no Centro de Fotografía de Salamanca (2009), a Plevnik Kronkowska Gallery en Celje (2011) ou a Fundación Joan Miró de Barcelona (2013). Recibiu bolsas da Fundació Guasch Coranty (2012), a Fundación Botín (2011-12) ou o CoNCA (2009), e gozou do programa de residencias PS1-MoMA (2002-03).
www.juliamontilla.com

Marta Moreiras
Compostela 1981
Vive entre Londres e Compostela. Utiliza principalmente a fotografía como medio de coñecemento e de expresión, aínda que está moi interesada por outras disciplinas artísticas como o vídeo, o son e a instalación.
O máster en Fotoperiodismo e Fotografía Documental da UAL (University of the Arts London) representa un punto de inflexión na súa carreira, onde comeza a desenvolver proxectos que combinan unha base documental cunha aproximación conceptual da realidade.
Destacan as súas exposicións no Cuming Museum de Southwark en Londres, e a súa participación en Right before our eyes no Festival Fotoweek DC en Washington.
Desde 2009 o seu traballo céntrase en proxectos multidisciplinares, como Finis Terre, que se expuxo na galería Espacio 48 de Santiago de Compostela ou Objects in mirror are closer than they appear, que se puido visitar recentemente no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
www.martamoreiras.com

Rosa Muñoz
Madrid 1963
Recoñecida fotógrafa, comezou a facer fotos en 1980 facendo retratos en branco e negro e foron evolucionando cara un punto de vista tan persoal que conseguiu definir un estilo e linguaxe fotográfica extremadamente particular. Posteriormente a cor gañou a batalla, para ser un xeito de vida de seu.
Entre o retrato e os escenarios hai espazo para escenas oníricas, paisaxes visuais, montaxes rococó, coreografías…
Así elabora un traballo que «logra a transgresión da realidade para facela máis suxerinte».
A súa obra mostrouse en numerosas exposicións individuais e colectivas, desde o Centro Andaluz de la Fotografía, o festival Photoespaña, Arco, Expo 98, Instituto Cervantes de Roma, Art-Miami ou Dfoto, entre outras.
A súa obra está no Centre National d’Art Georges Pompidou, Comunidade de Madrid, Colección pública de Fotografía de Alcobendas (Madrid), e Colección Estampa, entre outros.
www.rosamunoz.com

Gonzalo Pérez Mata
Madrid 1978
É Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Cardenal-Herrera Ceu de Moncada, Valencia e cursou o Máster de fotografía na escola Efti.
Ten participado en colectivas como Fotografía Iberomamericana Contemporánea na Galería Fernando Pradilla ou S/T en Madrid. A súa obra estivo exposta en lugares como o Salón Art Accesible de Xénova, na Lola´s Art Gallery de Moraira, no Círculo de Bellas Artes de Madrid, no International Convention and Exhibition Centre of Dubai, na Galería Bacelos de Vigo, no IVAM de Valencia ou no Palacio de Minería de México.
Participou en eventos tan prestixiosos como o Madridfoto, o Outono Fotográfico de Ourense, o Salón de Fotografía de Xixón, ou o Open Art Fair nos Países Baixos.
Foi seleccionado en concursos como o Purificación García no 2009 e no 2008, e o seu traballo está presente en coleccións como a do IVAM (Valencia) e a Colección Norte de Arte Contemporáneo de Cantabria.
www.gonzaloperezmata.com

Florencia Rojas
Arxentina 1984
En 2009 termina o Máster de fotografía Concepto y Creación en Efti (Madrid), recibindo unha mención de honra. Desde entón realizou numerosas exposicións colectivas, destacando: Last night na Galería 6+1. Recorrido Jugada a 3 bandas (Madrid), Málaga Crea 2012. (CAC Málaga), Cuerpo y territorio que itinerou polo MAC Salta, CCEC (Arxentina), En paralelo na Galería Isabel Hurley de Málaga, Emergent Addaya Centre d´art Contemporani (Mallorca), Marca España. ECC (Berlin).
En 2010 recibiu unha bolsa Leonardo daVinci para ser asistente da artista Andrea Sunder-Plassmann, en 2011 realizou unha residencia en Addaya Centre d´art Contemporani e en 2012 foi seleccionada para Descubrimientos Photoespaña.
En marzo de 2014 inaugura a súa exposición individual Vírgenes na Galería 6+1 de Madrid, proxecto gañador da bolsa Propuestas 2012 da Vegap. Actualmente reside en Berlín.
www.florenciarojas.com

Ixone Sádaba
Bilbao 1977
Formada en Bilbao, Madrid e Nova Iorque, Ixone forma parte dunha xeneración de artistas que se comezaron a coñecer internacionalmente a finais dos 90.
O traballo de Ixone é principalmente fotográfico e centra o seu discurso artístico na identidade, representada a través de conflitos íntimos e sociais. O seu traballo foi mostrado, entre outros, no Reina Sofía e no MUSAC, e tamén ten representación en diferentes galerías de Estados Unidos e Europa.
Movida polo seu interese na construción política e social da identidade, Ixone asume como reto o realizar un proxecto artístico en Oriente Medio a finais do ano 2008. Desde entonces realizou dúas viaxes a Iraq, impartiu cursos de arte contemporáneo en Kurdistan e colaborou con diversas institucións como a Universidade de Sulamaniya (Iraq), Kurdish Human Rights Project (Londres), Delfina Foundation (Londres), Halabja Art Institute (Iraq) & Halabja Cultural Centre (Halabja, Iraq).
www.ixonesadaba.com

Sandra Torralba
Madrid 1979
Participou en exposicións individuais como My World na Galerie 4 en Chequia. O seu proxecto Estranged Sex itinerou por varios lugares entre os que destaca My Name is Lolita’s Art de Madrid, o Museum of Sex de Nova Iorque ou El Fotómata de Sevilla.
Ademais conta con varias colectivas como Uneasy Pleasure que se celebrou no MataderoMadrid, En Pelotas na Galería Cero, 6ºProyector Internacional Videoarte en Milan, Fictional Eyes na The lunch Box Gallery de Miami, e participou en eventos como a JustMad 2011 na Galería Cero, ou Madridfoto.
A súa obra está en coleccións como a da EFTI (Madrid) ou o Museo of Sex de Nova Iorque ademais de en numerosas coleccións privadas.
www.sandratorralba.com

Marta Soul
Madrid 1973
Fotógrafa. Os seus proxectos artísticos reflexionan sobre a interacción entre imaxes e realidade, así como a influencia mutua que teñen entre si ambas ideas. Está interesada en explorar os roles de identidade, sexualidade, cultura e aparencia, e no xeito en que se determinan pola sociedade.
Obtivo numerosos premios e bolsas de arte desde 2003 até a actualidade. As súas obras foron exhibidas en distintos centros de arte e feiras, sobre todo en Estados Unidos e España, pero tamén noutros países europeos e en Asia. Está representada por Kopeikin Gallery (Los Angeles, California), Espai Visor (Valencia) e Galería Paula Alonso (Madrid).
martasoul.com

Damián Ucieda
A Coruña 1980
Cursa ilustración na Escola Massana e en 2007 gradúase en fotografía pola ECA de Edimburgo. Dende entón expón as súas obras en institucións nacionais e internacionais, entre elas o Moscow Museum of Modern Art, Museo Patio Herreriano de Valladolid ou a National Portrait Gallery de Londres.
Foi galardoado con premios da Fundación Aena, do Auditorio de Galicia, do MACUF e obtivo a Beca Injuve. A súa obra forma parte das coleccións do Concello da Coruña, o Ministerio de Cultura, Fundación Jove, Colección Arte Contemporáneo ou a Colección Jim Lambie.
www.damianucieda.com

Cecilia de Val
Zaragoza 1975
Estudou na escola Espectrum de Zaragoza e fixo o postgrado en Prácticas Artísticas e Teoría da Arte na UOC.
Logo de realizar varios obradoiros con xente como Fontcuberta, Isabel Muñoz ou Karen Knorr, comezou a gañar premios como Estampa-Photographica, o III Concurso de Creación artística da Fundación José García Jiménez de Murcia, ou o XXII Premio de Arte Santa Isabel de Aragón. Foi finalista no programa Descubrimientos 09 de PhotoEspaña. Finalista no premio de MADRIDFOTO e no concurso de fotografía Purificación García. Acadou o Premio Expresión Plástica UNED-Barbastro da Fundación Ramón J. Sender. E foi seleccionada en bienais como a Artes Plásticas ciudad de Pamplona e na de Artes Plásticas Fundación Rafael Botí. E máis recentemente foi nominada ao Sovereign European Art Prize.
Ten realizado varias exposicións individuais como en Spectrum-Sotos e na Galería Cámara Oscura en Madrid. Asemade, participou en numerosas colectivas, entre as que destacan Arquitectura inadvertida no MACA, e destaca pola súa participación en festivais e feiras como Teruel Foto no Museo de Teruel, Fotofever 2011 en París. Art Amsterdam, Arte Esencial en Sevilla, Artefiera en Bologna ou Estampa en Madrid.
A súa obra forma parte de importantes coleccións coma a do Centro de Arte Dos de Mayo, Museo de Arte Contemporáneo y Moderno de Santander y Cantabria, Diputación Provincial de Zaragoza, Instituto Aragonés de la Mujer, Fundación Dinastía Vivanco, etc.
A súa obra foi referenciada en publicacións como Il corpo solitario. L´autoscatto nella fotografia contemporanea de Giorgio Bonomi. Monográficos do seu traballo foron publicados en LADOS Magazine, a revista Duende, na revista Digital Camera, e en My buffer Guest magazine. Publicou imaxes en revistas como Vanity Fair, Tendencias, Neo2, AD
www.ceciliadeval.com

Rocío Verdejo
Granada 1982
Malia á xuventude, conta xa con varias exposicións individuais como Las matemáticas de Diós no son exactas, no MUPAM de Málaga, ou Quietud, nas X Jornadas Fotográficas de Aracena. Participou no Festival Eutopía de Córdoba e expuxo na Galería El Fotómata, Sevilla.
Participou en colectivas na Galería Punto de Valencia, na Casal Son Tugores de Alaró, na Alba Cabrera Art Contemporani de Valencia, no Festival de fotografía Pa-ta-ta de Granada, ou na Galería Central de Málaga.
Acadou o Premio Itinerarios Fotográficos do Festival Pa-ta-ta de Granada, a bolsa Iniciarte da Junta de Andalucía no 2008, e o premio Alonso Cano Artes Visuales. Obtivo unha mención de honra na Muestra Joven de Artes Visuales de Málaga Crea, e accésit no Certame de Fotografia da Fundación Mondariz.
www.rocioverdejo.es

Share on FacebookTweet about this on Twitter