David Salcedo RENDICIÓN

OURENSE, Espazo Xove, do 4 ao 30 de novembro.
A CORUÑA, Casa Museo de María Pita, do 4 ao 20 de decembro.

davidsalcedo

Rendición 04

As ruínas seguen, e seguirán durante anos, no cumio do outeiro que predomina sobre unha chaira de xeso e sal.

“Belchite, herida abierta.” Artigo para o Diario Vasco de Ander Izagirre.

 

O lugar fotografado chámase Belchite, mais podería ser o Londres ou o Berlín da Segunda Guerra Mundial, o Saigón da Guerra de Vietnam, Bagdad ou Belgrado, por nomear cidades de conflitos máis actuais. Ao cabo, todos os escenarios das guerras seméllanse demasiado sen que importen ideoloxías, nacións, culturas, razas… Pois os conflitos falan sempre o mesmo idioma: o do terror, o do medo e o da morte. E estes son comprensíbeis en todas as culturas do planeta.

A devandita aldea zaragozana, moi próxima a Teruel, foi arrasada primeiro polo exército republicano e despois polo fascista. Nunca é nomeado en voz alta por ningún dos dous bandos, pois os dous fixeron verdadeiras barbaridades polas súas rúas. Porén, a localidade está gravada na conciencia colectiva de todos e todas, xunto a tantos outros como Guernica, Mora de Ebro e un longo etc. O motivo é que despois da guerra, o bando gañador decidiu non reconstruílo. Quizais para ter atemorizada á poboación coa lembranza dunha guerra fratricida ou, simplemente, porque quería enaltecer a súa vitoria e a súa benevolencia coa construción dun novo Belchite. A verdade, importan pouco os motivos.

“Rendición” non pretende dar leccións a ninguén sobre quen fixo o que ou que fusilado está mellor fusilado. So é un intento, a partires da paisaxe, de conservar a memoria duns feitos que marcaron o devir histórico da poboación española da segunda metade do século XX. Uns feitos que pouco a pouco están sendo esquecidos polas novas xeracións, pois xa lles queda algo lonxe, e que non poden ser debullados. Pois como dicía o meu avó paterno “Naquela guerra matámonos moito e de mal xeito”.

 

David Salcedo
Caravaca de la Cruz, Murcia 1981
Estudou no Instituto Fotográfico de Cataluña, onde se especializou en fotografía de viaxes, autor e reportaxes en zonas socialmente conflitivas. O seu traballo persoal estivo exposto en dúas ocasións na galería KOWASA e en varios centros expositivos de Cataluña e no sur de Francia. Participou tamén en exposicións colectivas no Visa pour l’Image, SONIMAG foto e co colectivo calle35, do cal é membro. Participou en proxeccións especiais na libraría La Fabrica de Barcelona e no museo de Belas Artes de Murcia durante as charlas fotográficas de Cienojos. En 2011 o seu portafolios publicouse na revista FV e presentouse o libro de foto relatos La mano del Sabio (Ed. Amphibia, esgotado).

Share on FacebookTweet about this on Twitter