David R. Toro SOAPLAND. A ARTE DE ATAR

BARCELONA, Espai 30, do 20 de novembro ao 31 de decembro.

davidrtoro

Sen título. 2012

É posible que a fotografía desta mostra se clasifique na escola arakiana. Nada máis lonxe. A David pésalle occidente.
Se tiramos conclusións nunha primeira e simples lectura, é posible que nos lembre a obra de Nobuyoshi Araki. É evidente que as retratadas pertencen ao imperio onde nace o sol. Porén, non debemos quedarnos só nos aspectos formais.
Araki fotografía pateando Kabukichō (considerado o barrio rojo en Shinjuku, Tokio), onde máis soaplands (lupanares) hai por quilómetro cadrado. Isto fai que mostre ás fotografadas case como vítimas, cazadoras cazadas, acadando un valioso traballo documental, como Tokyo lucky hole que foi quen de influír na industria sexual xaponesa.
David R. Toro traballa, entre outros, en Roppongi, un barrio ben mais tranquilo pese a estar a tan só a media hora. A complicidade entre a fotografada e o fotógrafo faise notar a cada clic, pois David, non ten a frialdade e o anonimato que imprime ser criado nunha metrópole. Leva anos vivindo en Tokio, pero non os suficientes como para desfacerse do aprendido entre Valdeorras e Lugo. Polo que as fotografadas deixan de ter o rol de «vítimas» para se nos mostrar como mulleres dominadoras, sabedoras do seu poder erótico e provocador, e libres para usalo sen ningún tipo de atavismo, complexo ou convencionalismo social. Sen ningunha fraxilidade.
Por tanto, a diferencia do traballo de Araki, o de David está emprazado no medio e medio da fotografía escenificada. Fuxe da realidade para crear ambientes que rematan na propia foto, e que sen ela nunca existirían. Non é que Toro documente o shibari (xeito de atar nas artes sexuais xaponesas), senón que crea os nós só para seren captados coa súa cámara. Quizais de aí, a diferenza tamén en canto á plástica, que difire moito da imprimación noxenta (no mellor sentido) que ten Araki e que consegue unha estética fresca e limpa que non entorpece as formas dos elementos visuais da imaxe.
Nesta primeira exposición individual en Europa, David fai unha homenaxe á beleza que semella conformar un espazo aberto á contemplación, un convite ao voyeurismo, peza clave no kimbaku (arte do encordamento). Así, o espectador convértese en parte do triángulo mestre/a-persoa atada-voyeur, tan importante na tradición xaponesa.
Pero o autor extralimita as funcións do espectador e fai tamén interactuar ao que ve as súas imaxes –consciente de que este se sitúa no seu propio punto de vista ao ver as súas fotografías– coas miradas que proxectan os retratos, ansiosas de feedback. Asemade, en moitas das imaxes, ráchase ese rol pasivo do voyeur, facendo que o espectador sinta o seu o brazo que entra en plano para atarracar o polgar na boca da modelo.
Os puntos de vista que elixe o autor, a diferenza doutros traballos que nos chegan dende Xapón, están moi pensados. Mentres que a maioría dos seus colegas realizan un plano frontal tras outro, David abusa dos contrapicados (por outra parte tan recorrentes na estética anime) nos que o volume alcanza a súa expresión mais contundente.
Moitas das imaxes desta mostra poden retrotaernos a escenas barrocas de mulleres núas en exteriores, o que non é moi común na tradición oriental, e polas que David sente certo apego. Quizais, a voráxine na que se mergulla pola teima de coleccionar retratos, fai que esqueza que realizar unha foto así, pode ser motivo de cárcere no país onde reside.

 

David R. Toro
Lugo, 1977
Tras cursar fotografía na Escola Ramón Falcón en Lugo crea a súa propia empresa, Falcatruada, que recibiu varios premios de innovación empresarial (Universidade de Santiago de Compostela, UNIEMPRENDE, Fundación Confederación Empresarios Lucenses, Fundación «Unha Galicia Moderna» da Coruña…). Posteriormente abandona a empresa para encontrar outros proxectos máis interesantes, por ese motivo trasládase a Londres onde estuda Medios de Comunicación para traballar como freelance en diversos proxectos.
Actualmente reside en Xapón onde realiza traballos de moda e nus.

Share on FacebookTweet about this on Twitter