OURENSE, Photo Art, do 18 de outubro ao 11 de novembro.
LUGO, Sala Multiusos do Museo Provincial, do 15 ao 30 de novembro.
Naturaleza artificial 01
Os zoolóxicos constitúen un intento de trasladar a natureza a un contorno urbano. Grazas a eles podemos reunir nun espazo relativamente reducido diferentes especies ás que só poderiamos coñecer se visitásemos o seu hábitat natural. Isto conséguese mediante a recreación do contorno de cada especie. Deste xeito asegúrase a supervivencia do animal á vez que se enriquece a experiencia do visitante do zoo, xa que a ilusión de estar a contemplar a natureza tal como é intensifícase.
Porén, o proceso está marcado por un paradoxo que pon en evidencia a tensión entre o natural e o urbano: a natureza é recreada por medios artificiais. Os animais son recluídos en escenarios que conteñen elementos manufacturados e elementos naturais controlados polo home. As pólas, as follas e a terra mestúranse coa pintura dos decorados. O cemento convive coa vexetación. Encontrámonos cunha grande variedade de indicios da intervención humana. O uso destes materiais –o cristal, o cemento– remítenos á cidade, ao urbano. Esa continua mestura entre o natural e o artificial, na que moitas veces non reparamos conscientemente, dáse en cada recuncho do zoolóxico. Así encontrámonos cun espazo que trata de imitar a natureza pero no que cada detalle é consecuencia dunha decisión humana.
Este intento de recrear o salvaxe nun contorno urbano produce unha especie de natureza artificial que queda suspendida en terreo de ninguén. O que se consegue é un escenario onde se mesturan a natureza e a intervención humana para xerar un contorno ficticio, unha tensión entre o natural e o urbano que proporciona unha estraña expresividade aos espazos.
Cynthia Nudel
Arxentina 1979
Dedícase á fotografía documental dende 2006. Gañou diferentes premios, entre eles o VIII Certamen Nacional Fernando Quiñones de Cádiz, o XIV Certamen Nacional fotográfico de Burgos e IILA-fotografía de Roma (segundo premio) e o XIII Premio Unicaja (terceiro premio). Foi bolsada na II Bienal Internacional de Fotografía Inspai de Xirona e seleccionada para o II Encontro de artistas novos “Cidade da Cultura” de Galicia e o FullContact do festival internacional SCAN de Tarragona. A súa obra expúxose en España, Colombia, Italia, Camboxa e EE. UU. Destacan as súas dúas exposicións individuais no Espai Català Roca de Barcelona, exposicións colectivas na Fundación Unicaja de Almería, no centro cultural BID de Washington e no Festival Internazionale di Roma. Publicou o seu traballo nas revistas Ojo de Pez, Metal Magazine, Piel de Foto e Treintaycuatro. Exerceu como profesora de fotografía en Barcelona e actualmente reside en Alicante.