Lidia Alonso, Olaya Fernández e Julia Ferradás CONTORNA

OURENSE, Sala Alterarte, do 25 de novembro ao 3 de xaneiro.

Curador: Manuel Sendón

contorna-lidiaalonso

Da serie Cousas dos avós, 2012. Lidia Alonso

As tres series presentadas nesta exposición teñen varias características comúns: son realizadas por mozas novas, teñen a súa orixe na facultade de Belas Artes de Pontevedra e tratan diferentes aspectos do seu propio contorno, a sociedade rural galega, rebelándose fronte a posicionamentos ridiculizantes.
Lidia Alonso (Arca, O Pino, 1990), en Cousas de avós, fotografa diferentes obxectos realizados polo seu avó a partir doutros deteriorados ou obsoletos. Estes novos obxectos, pensados sempre en función da súa utilidade, son produto dun grande enxeño e imaxinación. Esta serie pon de manifesto dunha forma moi clara o espírito reciclador que sempre tivo o labrego galego, espírito que no seu momento foi ridiculizado por moitos urbanitas e que hoxe está presente nas sociedades industriais máis avanzadas. Lidia fotográfaos sobre un fondo neutro, descontextualizándoos, para subliñar as súas formas e poñelos en valor como se se tratase de obxectos escultóricos.
Olaya Fernández (Alfoz,1989) propúxose fotografar a arquitectura do seu contorno, a Mariña luguesa, mais ao sentirse rodeada por construcións paralizadas, sen rematar, decantouse por dirixir o seu obxectivo a estas estruturas que quedaron a medias ao rebentar a burbulla inmobiliaria. Como este fenómeno non foi exclusivo de Barreiros, ampliou posteriormente o espazo de traballo a outros lugares de Galiza. A través da serie Se vende, composta por imaxes moi coidadas dende un punto de vista formal, pon de manifesto a agresión ao territorio e a irracionalidade destas construcións, que sen planificación e sen demanda social responde unicamente a intereses especuladores.
Julia Ferradás (Lalín, 1990) en Queridiñas aborda as casas abandonadas do seu contorno, a comarca de Lalín, partindo da idea de que a casa na sociedade labrega galega ten un sentido moito máis profundo que o que ten unha vivenda en xeral, para ela a casa é “como unha nai para todos os que a habitan”, e “agora tan só son vestixios do que foron antano, pedras amontoadas que, pouco a pouco, parecen querer unirse á paisaxe que as rodea desaparecendo case por completo entre a maleza e as malas herbas” e rematan presaxiando a morte da sociedade rural tradicional, feito ante o que se posiciona Julia.
Coinciden ademais as tres series en que foron realizadas con cámaras analóxicas de medio formato, tirando as copias sobre papeis baritados de sales de prata. Non é que reneguen da imaxe dixital, de feito tamén a usan, mais nestes traballos non a empregaron por consideraren que mediante os procedementos tradicionais podían obter imaxes de mellor calidade. Feito que neste caso pódese tomar como unha metáfora de que non se debe desbotar o vello, polo feito de selo, sempre que se empregue cunha visión contemporánea.

Manuel Sendón

 

As tres series pertencen aos traballos de fin de grao, dirixidos por Manuel Sendón na Facultade Belas Artes de Pontevedra no ano 2012.

 

Lidia Alonso
(Arca, O Pino en 1990)
Graduouse en Belas Artes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2012.

Olaia Fernández
(Alfoz, 1989)
Graduouse en Belas Artes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2012.

Julia Ferradás
(Lalín, 1989)
Graduouse en Belas Artes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2012.

Manuel Sendón
(A Coruña, 1951)
Vive e traballa en Vigo
É licenciado e Matemáticas e doutor en Belas Artes. Profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra e codirector do Centro de Estudos Fotográficos.
Con Xosé Luis Suárez Canal comisariou un gran número de exposicións: Fotobienal de Vigo 1984-2000; Sala dos Peirao 1985-1991; Virxilio Vieitez 1998 (itinerante); Madrid Mirada, 2008 (itinerante por 12 países de América) etc. Conxuntamente con X. L. Suárez son os editores das coleccións Álbum e Do Trinque e autores dunha decena de monografías de fotógrafos históricos galegos (José Suarez, Ksado, Pacheco, Virxilio Vieitez etc.).
Como artista dende o ano 1983 ten exposto de xeito individual en Vigo, Braga, Coimbra, Porto, New Castle, Caracas, México D.F.,  Salvador de Bahia, A Coruña ou Santiago. Amais de participar en exposicións colectivas no Centre de la Photographie, Genève Suiza;  Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; The Museum of Contemporary Photography, Chicago; The Museum of Fine Arts, Huston ou Auditorio de Galicia e CGAC, Santiago de Compostela. Conta cos seguintes libros monográficos: Paisaxes (1991); Tempos que hai neste tempo (1995); Cuspindo a barlovento (2003); Casas Doentes (2007); Casas Doentes (2009) e Derradeira sesión (2009).
Está representado nas coleccións do Centro de arte Reina Sofia. Madrid; Encontros da Imagem. Braga, Portugal; Colección de fotografía contemporánea del Dorint Hotel Brussels, Bruselas; Museo Marugame Hirai  Japón; Colección Fotográfica Comunidad de Madrid e na do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago e Compostela.

Share on FacebookTweet about this on Twitter