Carolina Martínez ÍTACA

O CARBALLIÑO, Café Peñasco, do 4 ao 30 de novembro.

carolinamartinez

Sen título

Ítaca permanece sempre no noso ser máis profundo: é o que somos. Ítaca conforma a nosa existencia e devir, a nosa topoloxía do amor e permanencia. Son as raíces que nos perseguen toda a vida.
Este traballo quere representar a vivencia, recordo e permanencia dos lugares aos cales volvo dunha ou doutra maneira e nos cales nada me é alleo.
Nun intento de reconstrución e busca da miña propia esencia a través do espazo, comecei a fotografar aquilo que me resultaba propio e íntimo, busquei imaxes que salpicaban a miña memoria coa cor e a forma da que se tinguen os recordos, con esa aura de confusión e idealización que acompaña todo o que nos é grato.
Pouco a pouco fun reconstruíndo a miña arqueoloxía persoal a través dos lugares comúns nos que habitou a miña infancia e polos que se desenvolveu a miña adolescencia. Os  mesmos que na miña busca insaciable sempre me acompañaron retina en man como lugar-refuxio e que, de forma onírica a través das imaxes, foron condensando o meu arraigamento á Terra, á casa matriz na cal as nosas pegadas son as fendas en pedra do tempo.
O traballo, aínda inconcluso (sospeito que sempre o estará, pois un nunca acaba de estar ao día coas súas emocións), chegou a portos inesperados ao atopar a morte no seu camiño, parindo así unha nova vertente nel: a dos baleiros, a dos recordos que se prenden do peito, os baleiros habitados polo esquecemento.
O tempo, loto de Ulises, veleno voraz que nos afasta de Ítaca nalgún bordo inesperado, convértese  en doce brisa que nos devolve ao lugar común, ao refuxio onde todo permanece.

O Val, febreiro 2011

Carolina Martínez
Nacín un luns, supoño que por iso, son hiperactiva. Son loura e gústanme as cousas que saben a amorodo. As miñas mellores sensacións están ligadas á auga. Paseo por museos, bares e cemiterios. Sempre escribo con tinta negra.
Son obsesiva, Bon Vivant e pasaxeira inaudita, viaxo con compulsión e a miña fame infinita de coleccionar imaxes faime recalar en máis dun porto ávida por ver e comprender. Ninguén xamais me regalou flores. Non entendo a vida
sen paixón. Odio a apatía. A miña neurose por transducir a vida en imaxes que poder comprender, faime levar sempre enriba unha cámara. Son unha cazadora de momentos e acaparadora de experiencias. Necesito fotografar para entender o mundo, para sentirme parte del e para posuír de forma eterna sensacións infinitesimais.

Share on FacebookTweet about this on Twitter