Berto Macei (Roberto Vázquez) WELCOME TO TURQUEY

FERREIRA DE PANTÓN. Edificio Sociocultural, do 10 ao 26 de novembro.


bertomacei

Sen título

Istambul é unha cidade de contrastes e de ineludibles divisións: situada entre dous continentes, Europa e Asia; entre dous mares, o de Mármara e o Mar Negro, e entre dous mundos, o tradicional e o moderno, percíbese nas súas rúas o convivir da poboación tradicional e da xuventude máis cosmopolita e contemporánea. A cidade encóntrase tamén dividida endemicamente entre os partidarios do actual goberno (pro-islamista moderado) e os que apoian as recentes protestas ao redor da Praza de Taksim, iniciadas pacificamente como oposición á demolición do Parque Gezi, aínda que iso se converteu soamente nun pretexto que esgrime unha razón de fondo: opoñerse ao autoritarismo do goberno. Atraído inicialmente por esta característica de diversidade e división cultural, xorde este traballo fotográfico salpicado accidentalmente polos disturbios de Taksim, e que, dende unha perspectiva persoal e intimista, representa os contrastes dunha cidade demasiado oriental como para ser europea e tamén demasiado occidental para ser asiática.

Berto Macei (Roberto Vázquez)
Ourense 1979
Da fotografía analóxica á dixital e cun comezo autodidacta, cursa estudos de Fotografía Artística na Escola de Arte Superior de Deseño Antonio Faílde. Residiu en distintas cidades da xeografía española, aínda que na actualidade vive na súa cidade natal, Ourense, onde segue desenvolvendo a súa fotografía.
Participou en diversas exposicións entre as que destacan a 6ª International Triennial of Fine Arts de Istambul ou a Feira Internacional de Arte Contemporánea de Marbella, entre outras.
O seu traballo fotográfico divídese en dúas vertentes: unha máis próxima ao documentalismo pero dende unha perspectiva persoal e íntima, e outra próxima ao bodegón artístico mediante a creación de fotografías que intentan dar resposta ás inquietudes do autor

Share on FacebookTweet about this on Twitter